Deputación de Lugo

O xornalista José Luis Gómez presenta mañá na Deputación o seu novo libro, Cómo salir de esta

O Salón de Actos de San Marcos acollerá ás 19:30 horas o acto, ó que asistirán o Presidente, José Ramón Gómez Besteiro; o analista económico Julián Rodríguez e a directora de Actualia Editorial, Cristina Seco

O xornalista galego José Luis Gómez presentará mañá xoves na Deputación de Lugo o seu novo libro, Cómo salir de esta, no que o recoñecido analista político aborda a crise pola que atravesa España, e como e cando será posible falar de recuperación económica. O acto terá lugar ás 19:30 horas, no Salón de Actos de San Marcos.

O libro, prologado polo economista e xornalista alemán Carsten Moster, ex presidente da Cámara de Comercio de Alemaña para España, recolle os factores que segundo Gómez caracterizarán a saída da crise: esta será lenta, cunha elevada taxa de desemprego e cunha gradual redución salarial agás en sectores clave. Ademais, non chegará ata o 2014. Estas son algunhas das claves que abordará este prestixioso profesional da comunicación, que conta cun amplo currículo que avala a súa formación e o seu coñecemento do sector económico.

Columnista e tertuliano en diversos medios de comunicación, José Luis Gómez foi director e xefe da sección de Economía do xornal La Voz de Galicia, así como fundador da súa versión dixital. Director editorial do Grupo Zeta, na actualidade é asiduo colaborador de www.elpais.com e Europa Press.

Xunto ó autor, no acto de mañá intervirán o Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro; o comentarista económico do xornal El Progreso, Julián Rodríguez, e a Directora de Actualia Editorial, Cristina Seco. A asistencia é totalmente gratuíta e o aforo quedará limitado á capacidade do propio Salón de Actos.