Deputación de Lugo

A Deputación esixe á Xunta solucións para Alimentos Lácteos e Hemodinámica as 24 horas

Gómez Besteiro solicita á Feijóo unha reunión urxente na que abordar “asuntos estratéxicos para a provincia” tras máis dunha decena de solicitudes formuladas dende o organismo provincial nos últimos máis de 4 anos sen resposta algunha por parte do Goberno galego Martínez subliña que “Feijóo debe explicar por que Alimentos Lácteos ten problemas económicos cando a Xunta lle concedeu ata 5 millóns de euros; por que non se lles revalorizou o prezo do litro do leite ós gandeiros; por que Lugo non contará con Radioterapia, Medicina Nuclear e Hemodinámica as 24 horas cando outras provincias con menos habitantes si o teñen”O organismo provincial prestará asesoramento in situ e gratuíto ós Concellos para que cumpran coa Lei de Protección de Datos, evitándolles multas de ata 600.000 euros

A Deputación esixe á Xunta solucións inmediatas para Alimentos Lácteos, con fin de que non se destrúan ós 1.000 empregos que xera en Lugo, así como Hemodinámica para o Hula ás 24 horas, ó igual que teñen provincias en España con menos habitantes, ademais de Radioterapia e Medicina Nuclear. O Presidente provincial, José Ramón Gómez Besteiro, vén de solicitar ó seu homólogo no Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, unha reunión con caracter de urxencia para abordar estes asuntos.

Así o anuncio hoxe o voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, quen asegurou que “os lucenses levamos máis de 4 anos esperando resposta algunha por parte da Xunta. Feijóo, que non quixo reunirse coa Deputación de Lugo en todo o seu primeiro mandato e débenos moitas explicacións: por que Alimentos Lácteos anuncia un preconcurso de acreedores por problemas de liquidez cando o Executivo autonómico lle concedeu ata 5 millóns de euros, cartos de todos os cidadáns. Por que non se lles revalorizou o prezo do litro do leite ós gandeiros en xaneiro como se lles prometeu. Por que Lugo non contará con Hemodinámica as 24 horas cando provincias coma Ávila, con menos habitantes, si o teñen. Por que a Xunta non dota á provincia de Radioterapia e Medicina Nuclear”.

Aforro ós Concellos

Dentro da aposta pola máxima cooperación cos Concellos e logo de que o organismo provincial xa fose o primeiro en España en realizar un estudo sobre a protección de datos persoais nos municipios, a institución luguesa convértese agora na 1º Deputación en Galicia que ofrece asesoramento tecnolóxico, gratuíto e in situ ós 49 Concellos sumados de xeito voluntario ó Innova-TE para que cumpren, rigososamente, coa Lei de Protección de datos. Hai que ter en conta que, segundo esta normativa, o uso indebido da documentación pode supor sancións de ata 600.000 euros para os municipios. A Xunta de Goberno deste venres aprobou a contratación deste proxecto por valor de 148.000 euros, dos cales preto de 120.000 euros son fondos da Unión Europea. Este consistirá na realización de auditorías nos municipios para, en primeiro lugar, avaliar a súa situación, e logo determinar os aspectos que modificar en base a dita normativa. Ademais, esta iniciativa permitirá que a Deputación de Lugo cumpra co esquema nacional de seguridade neste materia.
Na mesma liña, a sesión adxudicou os traballos de creación de 49 prazas wifi para que os veciños doutros tantos municipios dispoñan de espazos públicos con acceso libre e gratuíto a Internet.

Impulso ás PEMES

Martínez destacou que tras o éxito das primeiras 44 auditorías gratuítas e tecnolóxicas que a Deputación realizou a outras tantas PEMES da provincia, aforrándolles máis de 100.000 euros e impulsando os seus negocios coa incorporación das novas tecnoloxías, a institución luguesa ofrece agora, tamén a custe cero, novas auditorías tecnolóxicas e in situ a máis pequenas empresas luguesas, así como solucións TIC para incrementar a súa competitividade, mellorar a súa produtividade, reducir custes e xerar emprego. Todo isto, cos fondos europeos do Innova-TE, concretamente, con 217.000 euros, dos cales 173.600 euros son fondos da Unión Europea. Ademais, outros 207.000 euros, dos cales 165.600 son fondos comunitarios, permitirá que o organismo provincial ofreza ás PEMES lucenses máis actividades tecnolóxicas no In Lugo -por exemplo, xornadas ou seminarios da man de gurús neste materia- coas que incorporar as TIC ós seus negocios.

Bolsa formativa

A Xunta de Goberno aprobou a posta en marcha dunha bolsa formativa no eido da artesanía á que, proximamente, unha vez redactadas e acordadas as bases da mesma, poderán optar todos os veciños da provincia. Trátase dunha iniciativa enmarcada no Plan Estratéxico de Subvencións para 2013, que contará cun orzamento de 15.600 euros, adicada á profesionalización do sector para xerar riqueza na provincia.

Teletraballo

O voceiro adianto que “logo de que o Goberno Central ampliase o horario dos traballadores públicos a 38 horas semanais, e co fin de conciliar a vida laboral e familiar, sen deixar de atender ás responsabilidades que estes profesionais teñen na administración, vamos impulsar un proxecto piloto denominado: telebrallo na Deputación de Lugo”. Martínez explicou que mediante esta iniciativa o organismo lugués determinará primeiro que funcións dos distintos departamentos provinciais se poderían levar a cabo dende a casa para, posteriormente, poñer en marcha unha plataforma coa que realizalas dende a Rede. É un proxecto do Innova-TE, cun orzamento de 213.000 euros, dos cales 170.400 euros son fondos da Unión Europea.

Finalmente, a sesión aprobou as contas xustificativas de 3 obras do Plan de Comunidades Veciñais, dotadas de 36.000 euros financiados na súa totalidade pola Deputación, e executadas nos Concellos de Ribeira de Piquín (2 obras) e Taboada.