Deputación de Lugo

Os alumnos da Escola de Imaxe e Son presentan no MIHL dous documentais e unha curta de ficción como traballos de fin de curso

O Deputado de Cooperación e patrono da Fundación TIC, Álvaro Santos, destaca “a gran valoración que ten hoxe a escola nos ámbitos profesionais nos que os alumnos desenvolven despois o seu labor profesional” Representantes do sector multimedia asistiron á presentación das tres obras: “Terras de Miranda, mítica e real”, “Clavicémbalo, alma e música” e “VHS”, elaboradas na súa totalidade polos alumnos de 2º de Realización e Produción

Os alumnos de Realización e Produción da promoción 2011-2013 da Escola de Imaxe e Son (EIS) presentaron este xoves os seus traballos audiovisuais de fin de curso, un acto presidido polo Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos e patrono da Fundación TIC, Álvaro Santos, que cualificou esta xornada como “un dos días máis importantes do ano para a EIS, pois asistimos á posta de largo dos alumnos que rematan a súa formación no noso centro, o único que imparte formación profesional no eido audiovisual na nosa provincia, e, moi importante, no que a matrícula é gratuíta, excepto para os repetidores”. Trátase de dous documentais, “Terras de Miranda, mítica e real” e “Clavicémbalo, alma e música”, e a curta de ficción “VHS”.

O acto de presentación tivo lugar, por primeira vez, no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MHIL) e, entre o público, ademais dos familiares e amigos dos estudantes, estiveron presentes representantes de produtoras, medios de comunicación audiovisual, estudos de son e empresas de publicidade que, deste xeito, “teñen a oportunidade de coñecer de primeira man a preparación dos nosos alumnos”, indicou o Deputado de Cooperación, quen puxo en valor a formación que acadan os estudantes da EIS e o seu prestixio no sector audiovisual: “Este é un centro que hoxe ten unha gran valoración nos ámbitos profesionais nos que os alumnos desenvolven despois o seu labor”.

Neste senso, lembrou que están asinados convenios con 70 prestixiosas empresas do sector audiovisual a nivel nacional, onde os alumnos realizan a Formación en Centros de Traballo (FCT) e os titulados teñen o seu primeiro contacto co mundo laboral a través de bolsas formativas. Outra vía máis para que poñan en práctica a súa formación é a colaboración cun cento de entidades públicas e privadas para a realización de traballos audiovisuais nos que participan os alumnos e bolseiros.

Seis meses de traballo

Os tres audiovisuais de fin de curso presentados hoxe son o resultado do traballo levado a cabo nos últimos seis meses polos tres grupos que se formaron con alumnos de 2º do ciclos superiores de Realización e Produción. As obras foron realizadas na súa totalidade polos estudantes, desde a idea ata o guión, a produción, a gravación e a postprodución.

O documental “Terras de Miranda, mítica e real” repasa a obra de “Merlín e familia”, do escritor mindoniense Álvaro Cunqueiro; “Clavicémbalo, alma e música” fai un percorrido pola traxectoria desta emblemática sala de música de Lugo, desde a súa fundación hai máis de 25 anos; e “VHS” é unha curta de ficción de xénero cómico con diversos gags sobre as películas máis taquilleiras da década dos 80.