Deputación de Lugo

Unha conferencia sobre educación ambiental pecha a programación de inverno do Centro de Interpretación Terras do Miño

Imaxe deputación de lugo
O biólogo e catedrático de Ciencias da USC Carlos Vales falará acerca da importancia da sensibilización e participación da sociedade na conservación de espazos naturais Os interesados en acudir a esta actividade gratuíta ás 19: 00 horas aínda poden contactar con Medio Ambiente da Deputación en und.medioambiente@deputacionlugo.org

O Centro de Interpretación Terras do Miño acollerá esta tarde, a partir das 19:00 horas, A educación ambiental como ferramenta para a conservación dos espazos naturais, conferencia gratuíta que pecha a programación prevista no Centro o primeiro trimestre do 2013. O biólogo Carlos Vales, Catedrático de Ciencias Naturais da Universidade de Santiago de Compostela e director do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), será o encargado de trasladar ós asistentes o destacado papel da sensibilización e participación social na conservación dos espazos naturais.

A conservación da natureza é unha das máximas responsabilidades da sociedade actual, pola gran cantidade de bens e servizos que a natureza presta en forma de materias primas, alimentos, enerxía, así como de coñecemento e benestar en xeral. Sen embargo, estes beneficios non sempre son ilimitados, polo que é fundamental facer un aproveitamento racional, especialmente daqueles hábitats e especies valiosos ou ameazados, coma os existentes nos espazos naturais protexidos, coma as Reservas da Biosfera.

A conservación destes espazos require da implicación de expertos con coñecementos técnicos e científicos que deben trasladar á sociedade con campañas de sensibilización e comunicación e con procesos de participación directa, para que todos se sintan totalmente involucrados e comprometidos coa súa conservación.

Máis actividades

Con esta conferencia remata a programación do 1º trimestre do 2013, ano durante o que o Centro de Interpretación Terras do Miño ofrecerá unha programación progresivamente máis ampla. Nos vindeiros meses haberá máis accións divulgativas, obradoiros e actividades para nenos e adultos, visitas guiadas, así como actividades ó aire libre. En canto ó horario, é intención dos responsables do Centro de Interpretación ampliar a apertura das instalacións do Centro, ubicadas na contorna do río Rato, ás tardes e fins de semana, co obxectivo de facilitar a participación do maior número de lucenses e visitantes posible.

Os interesados en acudir a esta conferencia, así como todos os que desexen información sobre esta ou outras actividades do Centro, poden contactar no correo und.medioambiente@deputacionlugo.org