Deputación de Lugo

Unha charla-obradoiro e un pequeno recital dos nenos participantes pechan as actividades de Semana Santa do CENTRAD

- Regina Polín participou nas actividades de animación á lectura e concerto, así coma na entrega de agasallos coas que remataron os Obradoiros Infantís celebrados os pasados días- A literatura e a música voltarán ó CENTRAD o vindeiro día 1, con motivo do acto de clausura da exposición Contando con imaxes, no que participará o escritor Antonio Reigosa

A Deputada de Deseño e Artesanía tomou parte esta mañá nos diferentes actos organizados a xeito de clausura dunha nova edición das actividades infantís organizadas pola Deputación de Lugo no CENTRAD. Dende o pasado día 25 de marzo, 45 rapaces de entre 5 e 15 anos participaron nestes Obradoiros, pensados para dar a coñecer o patrimonio cultural lucense entre os máis novos e axudar a conciliar a vida familiar e laboral durante as épocas de lecer escolar.

Foron en total tres obradoiros, con 15 prazas dispoñibles cada un deles, nos que os nenos gozaron dun tempo de ocio diferente, coñecendo novos compañeiros cos que compartiron experiencias nos diferentes talleres. Os nenos de 5 a 8 anos elaboraron un álbum ilustrado con materiais reciclados, no que contaron as súas propias historias. Os de 9 a 11 anos fabricaron un instrumento musical e os 11 a 15 anos empregaron diferentes ferramentas e máquinas para tornear pezas de madeira.

As actividades de peche comezaron ás 12:00 horas, cando todos os nenos inscritos participaron nunha charla-obradoiro, dirixida pola artista Noemí López, que foi a encargada de impartir o obradoiro destinado ós máis novos, animou ós nenos á lectura dende a linguaxe da ilustración de libros infantís e xuvenís, empregando para isto diferentes mecanismos axeitados a cada idade. Co material que confeccionaron os nenos nesta actividade, os artesáns do Centro farán pequenos libros, que se entregarán xunto cos tradicionais diplomas que acreditan ós rapaces coma “pequenos artesáns”, en datas vindeiras.

Tras esta actividade, chegou o momento dun recital de zanfonas, que foron os instrumentos elaborados polos rapaces de 9 a 11 anos, así coma a entrega dun pequeno agasallo a todos eles, consistente nun xogo de mesa inspirado no Camiño de Santiago.

Clausura da exposición e música
O vindeiro 1 de abril pechará as súas portas a exposición de ilustración infantil e xuvenil Contando con imaxes, da artista lucense Noemí López, que precisamente vén de exercer de monitora nos Obradoiros Infantís.

O acto contará coa presenza do escritor Antonio Reigosa, autor de obras de sona coma Guía ilustrada da Galicia invisible ou A escola de Briador. Algunha das edicións destas obras foron ilustradas precisamente pola artista lucense, que debuxa a man alzada con técnicas coma a acuarela, os acrílicos ou as témperas. Impregnadas da historia persoal da artista, as súas ilustracións están inspiradas no Lugo urbano e no rural, así coma nos contos que escoitou do seu avó e que se traducen na aparición de elementos tradicionais mesturados coas imaxes fantásticas.

Ademais, coma peche do acto, dous músicos profesionais ofrecerán un concerto de zanfonas que eles mesmos elaboraron nas instalacións do Obradoiro do Instrumento Musical do CENTRAD.