Deputación de Lugo

A Deputación aforrou nun ano case 5 millóns de euros ós Concellos, asumindo melloras en vías municipais con medios do Parque Móbil

A institución arranxou 534 quilómetros de 20 Concellos “de todas as cores políticas”, demostrando que “as políticas de actuación deste Goberno Provincial nada teñen que ver coas do PP nos Executivos de España e Galicia, que discriminan ós lucenses”Exemplos das discriminacións Rajoy e Feijóo: eliminación da única liña ferroviaria de media distancia; a non dotación do tren híbrido; paralización de obras do AVE e da A-54; ausencia de Hemodinámica 24 horas, Radioterapia, Medicina Nuclear e Cirurxía Pediátrica; creación dunha única área sanitaria; desmantelamento de colexios como o OES As Mercedes; o non cofinanciamento de servizos sociais...Martínez destacou que todas estas medidas “foron impostas” porque “Rajoy e Feijóo confunden as súas maiorías absolutas con maiorías absolutistas, como se isto fose unha ditadura”

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, deu conta este venres das actuacións levadas a cabo no último ano dende o Parque Móbil Provincial, que supuxeron un aforro de case 5 millóns de euros ó asumir con medios propios da Deputación melloras en estradas municipais.

Martínez avanzou que o organismo provincial actuou en vías locais de 20 Concellos da provincia, “de todas as cores políticas”, nas que se arranxaron un total de 534 quilómetros: crearonse 36 quilómetros de obra nova, rexeneráronse 343 quilómetros, bacheáronse 129 quilómetros e reparáronse accesos en máis de 26 quilómetros. Para elo, a institución luguesa puxo a disposición dos Concellos 20 operarios e 18 máquinas do Parque Móbil. Isto supuxo, segundo datos dos técnicos provinciais, que a Deputación aforrase ós Concellos preto de 5 millóns de euros, que sería o orzamento que terían que investir os municipios no caso realizar contratacións externas para levar a cabo estas actuacións, executadas e asumidas na súa totalidade pola institución.

O voceiro lembrou que “este Goberno Provincial reorientou o Parque Móbil cando chegamos á Deputación no 2007, prestando dende entón os seus medios ós municipios para arranxar vías locais e aforrar custes ós Concellos”. Neste senso, avanzo que no 2013 a Deputación seguirá colaborando cos municipios no arranxo da súas vías. Por este motivo, o organismo provincial iniciou a contratación de 1.400 toneladas de emulsión asfáltica para o arranxo de máis estradas locais, achegando para elo un máximo de 700.000 euros, que a institución aforrará polo tanto a Concellos “tamén de todas as cores políticas”.

Recortes en materia de infraestruturas

Martínez comparou as políticas de actuacións do Goberno Provincial coas dos Executivos de Galicia e España, remarcando que “non teñen nada que ver coas do PP”, quen “discrimina tanto a Concellos como a provincias pola súa cor política”. O voceiro destacou que “una nova mostra da discriminación dos populares ós lucenses” é a supresión do servizo ferroviario A Coruña-Lugo-Monforte, “a única liña ferroviaria de media distancia existente na provincia, que Rajoy decide eliminar”. Martínez puxo máis exemplos, subliñando que “tampouco contamos co tren híbrido, que si teñen as restantes provincias dende hai meses e que a Ministra de Fomento, nun acto en Lugo, prometeu traer a Lugo no outono logo de que os lucenses non entendésemos a discriminación con esta provincia cando, sen explicación algunha, o PP decidiu quitarnos este servizo, que deixara previsto o anterior Goberno Central, con José Blanco ó fronte da carteira de Fomento. O Partido Popular de Rajoy tamén impuxo a paralización dos traballos do único treito de alta velocidade en obras, a variante da Pobra de San Xiao, mentres nada sabemos sobre os restantes proxectos do AVE Lugo-Ourense”. Outro exemplo, “desta discriminación” é a paralización de obras na A-54.

“Feijóo e Rajoy confunde maioría absoluta con maioría absolutista”

Martínez indicou que “Feijóo, ó igual que Rajoy, discrimina ós lucenses por imposición. Póñolles varios exemplo: impuxo a creación dunha única área de xestión sanitaria en Lugo, desmantelando os Hospital da Costa e Monforte; impuxo recortes en educación, desmantelando colexios como IES As Mercedes; decidiu non dotar a Lugo de Hemodinámica 24 horas, Radioterapia, Medicina Nuclear e Cirurxía Pediátrica ou non cofinanciar os servizos sociais nin as políticas de empregos ós lucenses, cando si o fai nas restantes provincias galegas. Este feitos reais amosan, claramente, que o Partido Popular de Rajoy e Feijóo discrimina ós lucenses, impoñéndonos medidas e recortes con decretazos ou decisións unilaterais, sen escoitar nin ter en conta a opinións dos cidadáns. Rajoy e Feijóo confunden as súas maiorías absolutas con maiorías absolutistas, como se isto fose unha ditadura”.

“Para non privar ós mindonienses de axudas”

Por outra banda, o voceiro adiantou que a Deputación contribuirá a que o Concello de Mondoñedo poña ó día as súas contas logo de que “o anterior goberno municipal do Partido Popular deixase sen liquidar os exercicios económicos desta entidade local dende o ano 2005. A situación financeira na que os populares deixaron o municipio mindoniense fixo que o actual Goberno local non puidesen concorrer a subvencións autonómicas debido ás normativas impostas, paradóxicamente, tamén polo PP, pero neste caso na Xunta. Os Gobernos do Partido Popular en España e Galicia, lonxe de socorrer ás entidades locais ante a crise, están a afogar aínda máis ós Concellos, non só recortando os seus recursos económicos e as prestacións sociais ós veciños, senón con novas esixencias financeiras”, destacou. Ante esta situación, o organismo provincial concede unha subvención de 31.000 euros co obxectivo de que os veciños deste Concello “non se vexan privados no 2013 de posibles axudas autonómicas ou estatais. Este orzamento, aprobado hoxe pola Xunta de Goberno, será para a contratación de persoal especializado que colabore cos traballadores municipais na posta ó día das contas locais.

“Fin a outra débeda do PP”

Martínez avanzou que a sesión “puxo fin a outra débeda que deixou o Partido Popular á Deputación e, polo tanto, a todos os lucenses, coa habitual práctica dos populares de contratar obras sen presuposto e terreos”. Trátanse dos traballos de mellora en 2,6 quilómetros da estrada LU-232 de Santa Eulalia de Bóveda a Camiño Real, no Concello de Lugo, “que o PP adxudicou pouco antes de deixar o Goberno Provincial, en maio do 2007, co famoso plan dos 50 millóns de euros, a pesares de non realizar as previas expropiacións, tal e como esixe a lei, e non dispor do orzamento necesario”. Isto fixo imposible a execución destes traballos, ocasionando que a propia contratista solicitase á Deputación a resolución do contrato, valorado en 456.200 euros, así como a devolución da garantía depositada, que ascende ós 18.248 euros. A Xunta de Goberno aprobou hoxe a petición da adxudicataria.