Deputación de Lugo

A Deputación abre o prazo para solicitar as obras do Plan

Imaxe deputación de lugo
- As entidades asociativas dos 67 Concellos da provincia poden formalizar as solicitudes dende hoxe mesmo e ata o vindeiro 15 de maio- O programa permitirá executar máis de 200 actuacións de mellora e dotación de servizos e equipamentos públicos no rural, contribuíndo a fixar poboación e mantendo empregos

A Deputación de Lugo abriu este mércores o prazo para solicitar as obras do Plan de Comunidades Veciñais deste 2013, ó publicarse no Boletín Oficial da Provincia (BOP) hoxe mesmo, tanto as bases, como o modelo de solicitude do programa, que está dotado con 2 millóns de euros. Deste xeito, as entidades asociativas sen ánimo de lucro dos 67 Concellos da provincia poden formalizar a solicitude dende hoxe e ata o vindeiro 15 de maio. Os interesados poden consultar as bases e baixar o modelo de solicitude na web provincial www.deputacionlugo.com

O Plan de Comunidades Veciñais, unha das ferramentas básicas da Deputación para cooperar cos Concellos, permitirá executar este ano máis de 200 actuacións de mellora e dotación de servizos e equipamentos públicos no rural. A iniciativa contribúe, desta forma, a fixar poboación coa mellora das condicións de vida e de traballo das súas xentes, pois con ela lévanse a cabo pequenas obras, pero cunha profunda relevancia social e que, nin as asociacións veciñais, nin as propias entidades locais, poderían acometer por si mesmas.

O programa contribúe así mesmo a manter empregos na provincia, pois as obras realizaranas autónomos e PEMES, e supón tamén un importante aforro para os Concellos e as asociacións, xa que a Deputación asume, por segundo ano consecutivo, o 100% dos custes dos traballos.

A contía da subvención concedida a cada colectivo non superará os 12.000 euros, e o prazo máximo de execución das obras subvencionadas será o 30 de setembro, podéndose ampliar ata o 30 de novembro en casos excepcionais.

En canto ás actuacións que se financiarán, coinciden coas necesidades que o organismo detecta como prioritarias para as comunidades veciñais. Trátase principalmente das seguintes: pequenos abastecementos de auga potable, saneamentos, pavimentacións, rede de sumidoiros, iluminacións públicas, acondicionamento de camiños rurais, instalación de pequenos repetidores de TV, arranxo de fontes, obras de acondicionamento e arranxo de locais sociais, así como pequenas infraestruturas e adquisición de mobiliarios -informáticos ou similares- para o funcionamento das propias comunidades veciñais, agrupacións ou asociacións de veciños, ou como complemento de áreas recreativas, deportivas e de lecer.