Deputación de Lugo

Arranca na Mariña Fórmate en Verde, 'o programa de emprego máis ambicioso dos últimos anos na provincia'

21 persoas iniciaron hoxe un curso presencial sobre xestión forestal sostible en Viveiro; mañá comezarán dous de vacún ecolóxico con 50 inscritos -un on line e outro presencial en Castro-; e o mércores, un de agricultura ecolóxica, con 20 anotados, en MonforteO Presidente, que mantivo un encontro cos participantes do curso viveirense, enmarcou esta iniciativa no compromiso da Deputación co campo: “Reivindicamos o dereito a vivir no rural, e do rural, con igualdade de oportunidades e de xeito rendible” Gómez Besteiro puxo de relevo o potencial da produción ecolóxica indicando que a facturación desta actividade experimentou un incremento anual dun 20% en Galicia dende o 2007, a comezos da crise Os interesados aínda poden inscribirse, pois o programa conta con un mínimo de 900 prazas. Para elo, deben entrar na páxina www.deputacionlugo.org escoller unha actividade, cubrir o formulario correspondente e envialo dende a web

A Deputación de Lugo puxo en marcha este luns na Mariña o plan Fórmate en Verde, “o programa de emprego máis ambicioso dos últimos anos na provincia”, subliñou o Presidente, pois a través desta iniciativa un milleiro de lugueses recibirá formación e asesoramento técnico personalizado para crear, reconverter ou diversificar empresas vinculadas coa produción ecolóxica e sostible. Besteiro enmarcou este ambicioso proxecto, financiado nun 80% pola Unión Europea a través do Lug02, no compromiso da Deputación co campo: “Reivindicamos o dereito a vivir no campo, e do campo, con igualdade de oportunidades, e de maneira digna e rendible”.

Nestes momentos de dificultade económica, incidiu o mandatario provincial, “temos que ver, máis que nunca e como fan outros países europeos, o campo e o medio ambiente como unha oportunidade de futuro, que xera riqueza e emprego e mantén vivos os nosos pobos, pero tamén coida o territorio, a paisaxe e o medio ambiente”.

Co programa Fórmate en Verde “consolidamos esa oportunidade de futuro”, argumentou Gómez Besteiro, potenciando ademais un sector que xa é punteiro en Lugo, como a produción ecolóxica, pois a provincia lucense está á cabeza en Galicia en volume de facturación -con 9 millóns de euros anuais- e ocupa o segundo lugar en canto a superficie. O Presidente puxo de relevo o potencial de crecemento desta actividade, indicando que a facturación experimentou un incremento anual dun 20% en Galicia dende o 2007, a comezos da crise.

As catro primeiras accións formativas

A primeira acción formativa do plan Fórmate en Verde comezou hoxe en Viveiro. Trátase cun curso presencial sobre xestión forestal sostible, ó que asisten 21 persoas, todas da Mariña, (principalmente de Viveiro, Foz, O Valadouro, O Vicedo e Xove). Gómez Besteiro mantivo un encontro cos participantes nestes curso, que ten lugar na aula da UNED, nos claustros de San Francisco da cidade do Landro. As clases continuarán ata o vindeiro30 de maio, en horario de 9:00 a 14:00.

Xunto a esta acción formativa, esta semana arrancarán outras tres:

- Dende mañá martes e ata o 20 de maio, en horario de 10:00 a 14:00 horas, terá lugar na Granxa Gayoso Castro un curso presencial de Vacún Maior Ecolóxico, con 20 persoas anotadas, a maioría da Terra Chá, pero tamén da Zona Sur e das comarcas de Lugo e A Mariña. Mañá tamén arrancará outro curso on line da mesma temática, que continuará ata o 19 de xuño e conta con 20 participantes, a metade deles da Terra Chá e os restantes da Zona Sur, A Mariña, A Montaña e a comarca de Lugo.

- Entre o mércores 20 de marzo e o 30 de abril, terá lugar un curso de Agricultura Ecolóxica de modalidade mixta, isto é, unha parte presencial, que terá lugar na Casa Sindical de Monforte, de 10:00 a 14:00 horas, e outra on line. Nesta acción formativa participan 20 persoas, todas da Zona Sur.

Toda esta información, así como a listaxe de participantes, pódese consultar na páxina web da Deputación www.deputacionlugo.org

Máis prazas

As persoas interesadas en beneficiarse desta oportunidade de futuro poden en calquera caso seguir anotándose, pois o proxecto conta con un mínimo de 900 prazas e as seguintes accións formativas iniciaranse nas vindeiras semanas, de maneira progresiva, a medida que se vaia completando a selección e organizando os grupos. Para anotarse deben entrar en www.deputacionlugo.org escoller a actividade na que queren formarse, cubrir o formulario correspondente e envialo dende a propia web. Cada persoa só pode solicitar un curso de cada sector ofertado: gandería e agricultura ecolóxica, e xestión forestal sostible.

O programa está dirixido a desempregados, emprendedores, mozos, agricultores, gandeiros e estudantes de toda a provincia, excepto os censados no Concello de Lugo, pois son destinatarios doutros programas europeos.

Formación, práctica e asesoramento

O plan de emprego Fórmate en Verde ten tres eixos:

- Formación: que pode ser presencial, a distancia ou mixta, e impartirase entre este mes de marzo e outubro.

- Visitas prácticas a empresas xa consolidadas dos sectores agropecuario e forestal.

- E, posteriormente, asesoramento técnico especializado a tódolos participantes para crear empresas no rural vinculadas ós sectores gandeiro, agrícola e forestal. As persoas que queiran reconverter a súa explotación, diversificar a súa actividade ou ben poñer en marcha unha nova empresa, contarán con asesoramento continuo e especializado, dende a mesma concepción da idea, ata a súa saída ó mercado.