Deputación de Lugo

A Deputación formou no último ano a 200 desempregados lucenses en servizos sociais, facilitando a súa inserción laboral

A Vicepresidenta Segunda entregou os diplomas de asistencia a 15 veciños da comarca da Montaña que participaron nun curso gratuíto de auxiliar de enfermaría en institucións sociais ofrecido na Fonsagrada pola institución luguesa A atención sociosanitaria, xunto ó medio ambiente e as novas tecnoloxías, é unha das profesións de futuro polas que aposta o organismo provincial, tendo en conta que foi un dos poucos sectores que seguiu xerando emprego en época de crise e as súas boas expectativas

A Deputación de Lugo ofreceu ó longo do último ano formación especializada e gratuíta a 200 desempregados da provincia en profesións vinculadas cos servizos sociais, facilitando deste xeito a súa inserción laboral, pois este é un dos sectores con maior índice de creación de emprego en Lugo e un dos que presenta as mellores expectativas de crecemento.

Deste xeito, impartiu tres cursos de Auxiliar de Enfermaría en Institucións Sociais na capital lucense, na Pontenova e na Fonsagrada, cun total de 45 alumnos -15 en cada un-; a escola obradoiro Servizos á Comunidade, Atención Sociosanitaria a Persoas no Fogar, con 30 beneficiarios; e catro cursos con 130 participantes no marco da segunda fase do Pacto Provincial polo Emprego: Coidador de Discapacitados Físicos e Psíquicos, Atención Especializada para Enfermos de Alzheimer, Auxiliar de Enfermaría en Xeriatría e Dinamización de Actividades de Tempo Libre Educativo Infantil e Xuvenil.

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, entregou precisamente este xoves os diplomas acreditativos de asistencia ós 15 participantes no curso de auxiliar de enfermaría desenvolvido na Fonsagrada, un acto no que destacou que a atención sociosanitaria, os denominados empregos brancos, son, xunto ó medio ambiente e as novas tecnoloxías, unha das profesións de futuro polas que aposta o organismo provincial, “tento en conta que é un dos poucos sectores que seguiu xerando emprego en época de crise, e tamén as expectativas de que o continuará facendo, sobre todo nunha provincia como Lugo, que, xunto a Ourense, presenta o maior índice de envellecemento de entre as galegas, con preto dun 30% dos habitantes maiores de 65 anos, dos cales case o 50% son dependentes”.

Deste xeito, dende o 2008, o sector medrou, tanto en número de traballadores, como de empresas, cuns incrementos dun 26 e dun 5,5%, respectivamente. As previsións tamén son positivas: ata o 2015 prevese a xeración en España de, polo menos, 200.000 postos de traballo adicionais.

A Vicepresidenta lembrou que a institución provincial aumentou un 12% os fondos para servizos sociais en 2013, a maiores de ter consignados preto de 15 millóns de euros para a execución de residencias da terceira idade e centros de día próximos ós fogares dos usuarios, porque “non é só unha aposta polo benestar social, senón que tamén son un futuro de emprego”.
Formación teórica e prácticas en empresas
O curso de Auxiliar de Enfermería en Institucións Sociais ofrecido na Fonsagrada, en Lugo e na Pontenova, que constou de máis de 400 horas de formación teórica e práctica, conta coa particularidade de que é clave para poder continuar o itinerario formativo na familia profesional denominada “Servizos á comunidade” para aquelas persoas que carecen das Competencias Clave ou da titulación mínima esixida de Formación Profesional de I Grao ou equivalente.

Os participantes, que tan só debían posuír o Certificado de Escolaridade, contaron cun equipo de formadores de calidade composto por profesionais de diferentes disciplinas coma Fisioterapia ou Enfermaría, así como por técnicos especializados en inserción laboral, que complementaron os contidos específicos do curso con outros de carácter xeral e práctico enfocados á busca de emprego, como o mellor xeito de elaborar un currículo ou como e onde buscar traballo, ben de xeito presencial ou ben co uso de ferramentas web.

Unha vez finalizada a parte teórica, a formación complementouse con prácticas en recoñecidas empresas do eido sociosanitario, o que permitiu ós beneficiarios aplicar os coñecementos adquiridos e contar cunha experiencia previa que pasará a formar parte do seu currículo de cara á súa futura inserción laboral. No caso do curso da Fonsagrada, as prácticas tiveron lugar na residencia da terceira idade de Santalla, As Rodas Vivenda Comunitaria, Vivendas Comunitarias Burón e Residencia Santa María da Fonsagrada.