Deputación de Lugo

A Deputación publica hoxe, a proposta do Presidente, o patrimonio de tódolos deputados

Imaxe deputación de lugo
Con esta medida, ratificada despois polo Pleno, o Presidente dá un paso máis na súa aposta de incrementar transparencia e calidade democrática, así como na nova liña estratéxica da Deputación: o goberno aberto A información patrimonial dos 25 membros da Corporación está dispoñible en dous soportes: desde hoxe na páxina web institucional www.deputacionlugo.org e no BOP do vindeiro sábado

A Deputación de Lugo fixo público este xoves, a proposta do seu Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, o patrimonio dos 25 Deputados da Corporación provincial. Esta medida, proposta polo Presidente no Pleno hai xa meses, foi ratificada por toda a Corporación e materializouse hoxe. Supón un paso máis na aposta de Gómez Besteiro por incrementar a transparencia na xestión e a calidade democrática, así como polo denominado “goberno aberto”, a nova liña estratéxica da Deputación xunto a economía verde e a innovación.

A información sobre o patrimonio de todos os Deputados provinciais está dispoñible para a cidadanía en dous soportes: na edición do vindeiro sábado do Boletín Oficial da Provincia (BOP) e desde hoxe na web da institución luguesa. No caso da páxina, non hai máis que entrar en www.deputacionlugo.org  e seguir o seguinte itinerario: premer no link “Entra na Deputación” e logo “Corporación de Goberno” e “Patrimonio Deputados Provinciais”.

Os datos publicados son os seguintes: posesión de inmobles urbanos e rústicos; valores mobiliarios; participacións en capital social; depósitos, certificados e seguros de vida; mobles ou enxoval doméstico; vehículos ou embarcacións; e ingresos anuais pola súa actividade. Non obstante, Gómez Besteiro xa ten publicado dende hai anos o seu patrimonio na web do Concello de Lugo, www.concellodelugo.org como membro da Corporación municipal.

Presupostos participativos para o 2014

Outra mostra de goberno aberto anunciada hai escasas semanas polo Presidente é a elaboración para o 2014 dos Orzamentos participativos, é dicir, darlle voz ós veciños na confección dos presupostos da Deputación.

A Deputación de Lugo convértese deste xeito na primeira institución provincial de Galicia e a terceira de toda España en implantar este mecanismo de participación, co que forxa unha relación de dobre dirección con tódolos lucenses: por un lado, coñece de primeira man as súas necesidades e fainos partícipes da xestión provincial e, por outro, explícalles a función da institución e cómo se fiscalizan cada un dos euros públicos.

Así mesmo, nas vindeiras semanas, e avanzando de novo no goberno aberto, o Presidente porá en marcha novas medidas de transparencia en departamentos esenciais como son Contratación ou Intervención.

Como foi a apertura da Deputación

Abrir a todos os veciños da provincia a institución luguesa, modernizala, e ser eficaces e transparentes. Este foi o obxectivo que se marcou o Executivo provincial ó entrar na Deputación, e que xa quedou patente en tres aspectos:

- Fisicamente. Coa retirada das vallas que había fronte ó Pazo de San San Marcos; a apertura ó público dos xardíns traseiros, incorporándoos ó paseo interior da Muralla de Lugo; e o programa Km0, no que 40.000 persoas coñeceron in situ o Pazo provincial.

- Nas prioridades políticas. Saldando as débedas históricas da provincia que nunca foron escoitadas na Deputación: a posta en marcha dos parques de bombeiros, o pago do canon hidroeléctrico a ducias de concellos, a transferencia dos hospitais ó SERGAS ou a creación da UNED en Lugo.

- Na xestión diaria. A Deputación de Lugo está aberta as 24 horas, os 365 días do ano, tras implantarse a Administración Electrónica; comezou a dar cumprida conta no Pleno da situación económica financeira da Deputación cada tres meses, e colga esta información na web; informa cada tres meses do prazo no que paga ós provedores; Besteiro incorporou á oposición en tódalas mesas de contratación, etc.