Deputación de Lugo

Interese entre os viticultores da Ribeira Sacra polo viñedo experimental impulsado pola Deputación de Lugo

Co obxectivo de satisfacer a demanda de formación especilizada por parte destes profesionais a institución provincial organiza unha charla divulgativa na que os expertos que traballan no viñedo de Monte do Cristo falará sobre inxertos este venres ás 18:30 horas na Casa da Cultura de Portomarín Este viñedo é un proxecto financiado pola Deputación de Lugo na que investigadores da Universidade de Santiago de Compostela estudan métodos sanitarios e de cultivo de viñas encamiñados a potenciar a economía baseada nos produtos autóctonos

A Deputación de Lugo ten organizada para este venres unha charla divulgativa sobre técnicas de cultivo de viñedos, de grande interese para os viticultores da zona da Ribeira Sacra, a teor de demanda por parte destes profesionais de contar con formación específica neste eido. Este venres, ás 18:30 horas, a Casa da Cultura de Portomarín acollerá a conferencia Cambios de variedade mediante inxerto: unha alternativa á replantación, Vantaxes e inconvenientes.

O encargado de ofrecer esta charla é Julián Berrio, profesor da Universidade de Santiago de Compostela e profesional ó fronte do equipo de investigación que traballa no viñedo situado na localidade de Portomarín. Berrio compartirá cos asistentes os seus coñecementos sobre o emprego do inxerto coma solución a eleccións erróneas de variedades de uva, de xeito que se poidan reducir ó mínimo os períodos improdutivos; as indicacións de uso dos diferentes tipos de inxertos existentes ou que vantaxes e inconvenientes que cada un destes ofrece para as particulares condicións orográficas e climatolóxicas da zonas de cultivo incluídas dentro da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. A charla tamén contará cunha parte de carácter máis práctico que se celebrará no propio viñedo de Monte do Cristo se a climatoloxía o permite. Tras a conferencia terá lugar unha degustación no Restaurante Portomiño dalgún dos produtos dos ensaios levados a cabo neste viñedo, en particular sobre uvas das variedades Mencía e Alvariño, entre outras.

Portomarín forma parte dos Concellos produtores de viño reunidos baixo a Denominación de Ribeira Sacra. Nestes municipios, 96 bodegas e uns 3.000 viticultores embotellarán nesta campaña preto de 3,7 millóns de litros, segundo datos do propio Consello Regulador. O sector vitivinícola supón un importante potencial de desenvolvemento económico para este municipio lugués; de feito, a superficie de produción aumentou sensiblemente en apenas sete anos, pasando de contar con apenas 2.000 hectáreas produtivas no ano 2005 ás máis de 3.300 o pasado ano.

O viñedo experimental

O proxecto da Universidade de Santiago de Compostela, financiado pola Deputación de Lugo, consiste no estudo de diferentes aspectos do cultivo de viñedos. O campo de traballo dos técnicos da Universidade é unha plantación de 2,7 hectáreas de superficie en alta densidade (isto é, cunha media de 6.000 plantas por hectárea), na que, ademais da redución de custos enerxéticos, tamén estudian outros factores que inflúen na calidade e cantidade da produción e, polo tanto, na rendibilidade das viñas, como as enfermidades víricas deste cultivo e como estas afectan ó viñedo galego e ó da Ribera Sacra en particular.

A institución provincial colabora con este proxecto pola importancia desta investigación para polos positivos resultados que pode aportar esta investigación para a mellora das posibilidades de cultivo en zonas de contorna de monte, así como pola innovación nos sistemas de produción encamiñada á optimización dos recursos dispoñibles, fundamental para potenciar a economía baseada nos produtos autóctonos.