Deputación de Lugo

Contando con imaxes, a exposición de ilustración infantil e xuvenil, despídese do Centro de Artesanía e Deseño

Regina Polín clausurou a mostra nun acto que contou coa presenza da ilustradora Noemí López e do escritor Antonio Reigosa, e que rematou cun pequeno recital de música de zanfona Contando con imaxes estivo formada por 48 obras de ilustración que adornaron as páxinas de obras de escritores coma o propio Reigosa, Fina Casalderrey ou José Antonio Neira Cruz

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, participou este luns na clausura da exposición Contando con imaxes, que ocupou dende o pasado mes de decembro a Sala de Exposicións do CENTRAD. Tras recibir a visita de preto de 400 persoas, hoxe pechou as súas portas cun acto que contou coa presenza da artista Noemí López e a do escritor de literatura infantil e xuvenil Antonio Reigosa, con quen a ilustradora mantén unha estreita colaboración, sendo autora de moitos dos debuxos que acompañan ós seus libros e que o público puido admirar nesta mostra.

Polín, que quixo agradecer especialmente a presenza de Antonio Reigosa, destacou “o papel activo que esta exposición tivo no Centro de Artesanía e Deseño”, xa que as ilustracións estiveron integradas nos obradoiros organizados para os nenos da provincia durante o pasado Nadal e nesta Semana Santa. “Contando con imaxes foi un escenario de excepción para as actividades de debuxo e de animación á lectura que puxemos en marcha”.

Tras Polín, foi a quenda de intervencións da artista Noemí López e dos escritor Antonio Reigosa, que explicaron ós asistentes o traballo conxunto entre creadores que é necesario para que este tipo de obras vexan a luz. De feito, algunhas das ilustracións presentes nesta mostra pertencían a edicións de obras de Reigosa coma Guía ilustrada da Galicia invisible, A escola de Briador ou Trece noites, trece lúas.

Contando historias con imaxes

Contando con imaxes amosou a lucenses de todas as idades 48 ilustracións escollidas pola propia artista, deseñadora gráfica e ilustradora apaixoada da literatura infantil e xuvenil, realizadas a man alzada sobre papel e coloreadas con acuarela, acrílicos e témpera. Unha obra inspirada moitas veces nos contos que escoitou do seu avó e que se traducen na aparición de elementos tradicionais galegos mesturados coas imaxes fantásticas creadas pola artista.

Ademais da estreita colaboración con Antonio Reigosa, no seu currículo figuran traballos para obras doutros autores coma Fina Casalderrey, Xosé Antonio Neira Cruz ou Darío Xohán Cabana, publicados por prestixiosas editoriais coma Everest Galicia, Galaxia ou Xerais, moitos dos cales estarán presentes nesta exposición.