Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo seleccionará a 32 artistas para participar nunha homenaxe a Cantares Gallegos no seu 150 aniversario

Regina Polín presentou hoxe Imaxinando Cantares Gallegos, iniciativa da institución provincial que reunirá a 32 artistas creando obras inspiradas na obra de Rosalía de Castro, á vista do público que se achegue ata o CENTRADO evento, de portas abertas e totalmente gratuíto, terá lugar o 13 de outubro, Domingo das Mozas e día da tradicional ofrenda a Rosalía de Castro, entre as 10:30 e as 20:00 horas, e ofrecerá actividades complementarias pensadas para os nenosAs bases de selección dos participantes faranse públicas a vindeira semana na web www.deputacionlugo.org. Os interesados poderán presentar as súas propostas ata o vindeiro 31 de agosto para seren logo valoradas por unha Comisión de Expertos

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, presentou hoxe Imaxinando Cantares Gallegos, unha orixinal actividade coa que a Deputación renderá homenaxe á literatura galega no 150 aniversario da publicación da obra de Rosalía de Castro. A Deputación convocará a todos os ilustradores e gravadores que o desexen para que participen nunha orixinal iniciativa que combina literatura e artes gráficas e que se celebrará o vindeiro 13 de outubro, o popular Domingo das Mozas, que é precisamente a data na que se celebra en Lugo a tradicional ofrenda á escritora galega.

Deste xeito, o 13 de outubro Imaxinando Cantares Gallegos transformará ó Centro de Artesanía e Deseño nun espazo de traballo compartido por un total de 32 artistas que sairán dos seus estudos por un día para traballar baixo a atenta mirada do público. Todos eles compartirán tema de inspiración: os poemas de Cantares Gallegos. Os artistas que resulten escollidos, desenvolverán o seu traballo nas instalacións do CENTRAD, polas que os visitantes poderán circular libremente para contemplar o proceso creativo dos artistas. Ó mesmo tempo, será unha boa oportundidade para coñecer máis de preto os diferentes obradoiros existentes no Centro.

Durante o acto, Polín destacou que esta “será una actividade de gran valor didáctico, para públicos de todas as idades, coa que se poderá observar de preto o proceso de traballo de artistas baixo diferentes técnicas creativas das que, ademais ofrecerán explicacións prácticas ós interesados”

En canto á data escollida, a deputada responsable da área de Deseño e Artesanía subliñou que “malia que mañá se celebra o Día das Letras Galegas e tamén sería un día máis que axeitado, o día 13 de outubro pareceunos perfecto por varios motivos: non só porque ten lugar a tradicional homenaxe a Rosalía de Castro, senón porque é un dos días nos que Lugo recibe máis visitantes chegados de fóra de Galicia, e o noso desexo é que o maior número posible de persoas poidan ser testemuñas do traballo dos artistas galegos e da actividade que, en prol da nosa herdanza cultural, se desenvolve no Centro de Artesanía e Deseño”, destacou Polín. Os nenos tamén terán actividades axeitadas á súa idade e capacidades, xa que os responsables do Centro organizarán obradoiros de debuxo, por suposto de temática relacionada coa escritora e a súa obra.

Polín adiantou, ademais, que durante o mes de outubro o Centro tamén acollerá unha exposición “moi especial, que marcará un fito”, adicada a Rosalía.

As bases, a semana que vén
Esta iniciativa está aberta ós ilustradores e gravadores que queiran participar. Para iso, só teñen que achegar o seu currículo xunto cunha mostra dos seus traballos, segundo o que indiquen as bases reguladoras que se publicarán a vindeira semana. As solicitudes de participación presentadas serán posteriormente valoradas por unha Comisión de Expertos, que determinará a identidade dos 32 finalistas.

O prazo de presentación de traballos permanecerá aberto dende a publicación das bases ata o 31 de agosto. Unha vez rematado o prazo, dita Comisión de Expertos reunirase para valorar as obras presentadas. Ademais, para axudar a facer fronte ós posibles custes de desprazamento ou material dos artistas seleccionados, estes percibirán unha aportación económica que estará en torno ós 200 euros.

Os artistas cederán os dereitos de autor das obras creadas nesta cita, orixinais e únicas, para que pasen a formar parte dos fondos propio do Centro de Artesanía e Deseño, e poder ser obxecto de futuras exposicións e actividades, ben no Centro, ben noutros espazos. Ademais, as obras resultantes ilustrarán unha edición de Cantares Gallegos que será elaborada polos artesáns que traballan no Obradoiro do Libro do CENTRAD.