Deputación de Lugo

A Deputación esixe á Xunta os 3,7 millóns que lle adebeda este ano polos hospitais, tras incumprir de novo o compromiso de pago

Imaxe deputación de lugo
A institución provincial remitiralle ó SERGAS un escrito requiríndolle o abono, pois xa tiña que telo feito antes do 31 de marzo. “O Goberno galego volve a maltratar ós lucenses vulnerando un acordo que eles mesmos negociaron”, subliñou a Deputada de Economía“Non vamos permitir que a Xunta converta o retraso nos pagos nunha regra, ou que, sen máis, deixe de pagar. Feijóo é moi dado a iso: unha boa mañá decidiu que non pagaba máis os servizos sociais”, asegurou García Porto A delegada de Economía explicou que, a maiores da cantidade ordinaria deste 2013 –de 3,7 millóns-, a Deputación esixiralle á Xunta 92.800 euros de intereses polo retraso de 9 meses co que librou a achega correspondente ó pasado ano

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, denunciou este luns en rolda de prensa que a Xunta de Galicia incumpriu de novo, por segundo ano consecutivo, co compromiso de pago da débeda que ten contraída coa Deputación de Lugo pola xestión dos hospitais de San José e San Rafael, e esixiulle que abone de inmediato a cantidade correspondente a este 2013, de 3,7 millóns de euros.

Xunta e Deputación teñen asinado dende 2009 un convenio para liquidar a débeda pola transferencia dos centros hospitalarios, que obriga ó SERGAS a ingresar as anualidades establecidas ó longo do primeiro trimestre do ano correspondente, é dicir antes do 31 de marzo. “Pasou un mes e medio, e xa non é só que non nos ingresaran aínda a cota deste ano –de 3,7 millóns-, o máis grave é que, polo que nos comunicaron verbalmente dende a delegación provincial do SERGAS, teñen orden de non pagar polo momento, vulnerando deste xeito o convenio que eles mesmo asinaron”, subliñou García Porto.

Deste xeito, argumentou a Deputada, “sen xustificación algunha e unilateralmente, o Goberno de Feijóo rompeu, unha vez máis, o calendario de pagos, perxudicando, unha vez máis, ós lucenses, que se vén continuamente maltratados polas políticas do Partido Popular: non dotan ó HULA dos servizos de Radioterapia, Hemodinámica, Medicina Nuclear e Cirurxía Pediátrica, ós que se comprometeron; desmantelan os hospitais da Costa e de Monforte coa área sanitaria de xestión integrada; e non financian os servizos sociais e as políticas de emprego, como si fan nas restantes provincias galegas”.

Outros 640.000 euros pendentes
Ante esta “indignante e inxustificable decisión”, a delegada provincial de Economía avanzou que dende a Deputación “enviaremos esta mesma semana unha comunicación oficial ó SERGAS, na que lle lembramos as súas obrigas de pago e lle requirimos que abone canto antes eses 3,7 millóns de euros, así como os máis de 639.199,06 euros correspondentes á liquidación definitiva da débeda, que tampouco nos pagou. Deste xeito, a Xunta de Feijóo adebédalle á Deputación, e, polo tanto, a tódolos lucenses, un total de 4,3 millóns de euros”.
“A Deputación necesita este diñeiro, que é seu de pleno dereito, para continuar facendo investimentos na provincia de Lugo, pero tamén hai que ter en conta os trastornos que provoca na nosa planificación económico financeira, porque temos presupostada esa cantidade, e se non entra, pode verse comprometida a estabilidade orzamentaria desta institución”, explicou Pilar García.
Recargo pola demora do pasado ano
Ante o reiterado incumprimento dos pagos, a Deputada aseverou que o organismo provincial “non vai permitir que se repita a situación do pasado 2012, cando, despois de 4 reclamacións oficiais, -unha delas a través do Pleno, por certo, cos votos en contra do Partido Popular- o Goberno de Feijóo pagou a achega anual ordinaria de 2,5 millóns de euros no último momento, a tan só 3 días de acabar o ano, é dicir, con 9 meses de retraso sobre o fixado no convenio”. Neste sentido, avanzou que a Deputación reclamaralle á Xunta intereses polo retraso no pago da débeda do pasado ano, que estima en 92.896,17 euros.
“A Xunta non pode converter o retraso dos pagos nunha regra, ou mesmo que, así porque si, deixe de pagar. Certamente, estamos preocupados porque Feijóo é moi dado a iso. Lembremos o que fixo cos Servizos Sociais: Levantouse unha boa mañá e decidiu deixar de pagar o Servizo de Axuda no Fogar, desentendéndose de 3.000 lucenses e poñendo en perigo 2.000 empregos. Decidiu, moi comodamente, que o pagase outro”, aseverou a Deputada.
O Goberno provincial xa desbloqueou a transferencia ó SERGAS dos hospitais de San José e San Rafael, deixando de ser a única Deputación de España que tiña competencias sanitarias, “e agora”, argumentou a Deputada, “o único que intentamos é que a Xunta cumpra co seu compromiso, recollido no convenio que eles mesmos negociaron e firmaron, pagándonos de xeito dilixente a anualidade correspondente a este 2013, e as 3 máis que quedan ata o 2016, para poñerlle fin á débeda que teñen pendente coa Deputación”.
A delegada de Economía pediulle neste senso ó grupo provincial do PP que, “esta vez si, aparque os intereses partidistas e defenda ante a Xunta os intereses dos lucenses reclamándolle á Xunta un diñeiro que é de todos eles”.
15 millóns ata 2016
Segundo recolle o convenio de colaboración asinado por Deputación e Xunta no ano 2009, a débeda contraída polo organismo autonómico co provincial pola xestión dos hospitais de San José e San Rafael quedaría liquidada en 2016 co ingreso das seguintes anualidades: 2,5 millóns de euros en 2011 (ingresados); 2,5 millóns, en 2012 (ingresados); 3.756.933,71 euros neste 2013, máis a liquidación definitiva (646.809,23 euros) e os 90.000 euros de intereses pola demora no pago do pasado ano; 3.756.933,71 nos anos 2014 e 2015; e 3.756.933,73 euros en 2016. Deste xeito, como a Xunta ingresou as anualidades de 2011 e 2013, ten pendente de pago un total de 15.717.734,86 euros ata 2016.