Deputación de Lugo

Aprobado o adianto excepcional ó Club Deportivo Lugo con totais garantías de devolución á Deputación

O Pleno Extraordinario aprobou a modificación do Orzamento da institución para conceder 900.000 euros ó conxunto lugués, que serán devoltos na súa totalidade, evitando o seu descenso automático á Segunda División B da Liga de fútbol profesional

O Pleno Extraordinario aprobou hoxe a modificación do Orzamento da Deputación necesaria para poder conceder un adianto excepcional de 900.000 euros ó Club Deportivo Lugo, que o conxunto lugués deberá devolver integramente ó organismo provincial, co obxectivo de evitar o seu descenso automático á Segunda División B da Liga de fútbol profesional.

Coa modificación do presuposto, a institución luguesa cumpre co protocolo de actuación que asinou coa Dirección do CD Lugo nos pasados días. Agora, será a Asamblea do club quen ratifique este texto, asumindo tamén neste caso as dúas posibles vías de devolución deste anticipo excepcional, que garanten o seu novo reintegro nas arcas provinciais. Ditas vías son as seguintes:

1).- no suposto de creación de calquera tipo de ente dependente da SAD ou do propio CD Lugo, dando prioridade ó organismo provincial e administracións públicas con respecto a outros colaboradores.

2).- no suposto de que non se produza o citado reintegro en todo ou en parte con anterioridade ó 31 de decembro do 2013, a institución descontará a cantidade da axuda que outorga anualmente ó conxunto lugués co Plan Estratéxico de Subvencións ata compensar este adianto excepcional na súa totalidade.