Deputación de Lugo

A Fundación TIC editará un traballo audiovisual co que ASPANANE de Viveiro aspirará ós premios de teatro da DGT

Imaxe deputación de lugo
28 rapaces usuarios do Centro de Día da Asociación de Pais de Nenos e Adolescentes con Necesidades Especiais porán en escena este sábado no teatro viveirense Pastor Díaz unha adaptación de Carapuchiña Vermella, con referencias á educación vialAlumnos da Escola de Imaxe e Son, o único centro público da provincia que imparte ensinanzas da rama audiovisual, co apoio de profesionais da TIC, realizarán o guión teatral en formato dixital que esixen as bases do certame

Alumnos da Escola de Imaxe e Son (EIS), co apoio de profesionais da Fundación TIC, realizarán un vídeo coa gravación dunha adaptación de Carapuchiña Vermella con referencias á educación vial que a Asociación de Pais de Nenos e Adolescentes con Necesidades Especiais (ASPANANE ) de Viveiro vai presentar a un concurso de teatro para persoas con discapacidade convocado pola Dirección General de Tráfico (DGT). A representación, na que interveñen 28 rapaces usuarios do Centro de Día e Centro Ocupacional de ASPANANE, terá lugar este sábado, día 8 de xuño, ás 20:00 horas, no Teatro Pastor Díaz de Viveiro.

Os estudantes da EIS, o único centro público da provincia que imparte ensinanzas da rama audiovisual, editarán o DVD coa posta en escena da obra, xa que as bases do certame requiren a presentación do guión teatral en formato dixital. A versión do conto dos irmáns Grimm desenvólvese nun decorado que inclúe un tramo de rúa con carril para bicicletas, unha estrada con semáforos, sinais de tráfico, e beirarrúas a carón dun castelo.

O apoio social da TIC

ASPANANE é unha das mais dun centenar de asociacións sen ánimo de lucro coas que a Fundación TIC ten asinado convenio co fin de divulgar o seu labor na provincia, ó tempo cos alumnos realizan prácticas reais que melloran as súas posibilidades de inserción laboral, así como manter un programa de bolsas de emprego para os titulados. Ademais, a TIC mantén contacto con 70 empresas do sector audiovisual o que permite ós estudantes e bolseiros realizar traballos profesionais.