Deputación de Lugo

A Deputación mellorou máis de 400 quilómetros da rede viaria provincial co Plan de Rebacheo

Corresponde á totalidade de estradas provinciais en Xove, Quiroga, Burela, Cervo, Riotorto, A Pontenova, Castroverde e Ribas do Sil onde a institución rematou coa execución deste Plan50 operarios e 32 máquinas traballan agora noutros 8 Concellos: Vilalba, A Pastoriza, As Nogais, Cospeito, Pol, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro e Cervantes

A Deputación rematou co acondicionamento de máis de 400 quilómetros da rede viaria provincial co Plan de Rebacheo. Son estradas de Xove, Quiroga, Burela, Cervo, Riotorto, A Pontenova, Castroverde e Ribas do Sil, os 8 municipios nos que a institución luguesa rematou coas actuacións que inclúe esta programación.

Os 50 operarios e 32 máquinas despregadas para a execución desta iniciativa traballan agora en Vilalba, A Pastoriza, As Nogais, Cospeito, Pol, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro e Cervantes, Concellos que suman un total de 670 quilómetros provinciais, que están sendo acondicionados segundo as súas necesidades. Posteriormente, a institución proseguirá coa execución deste Plan, que leva á totalidade da rede viaria provincial, a máis extensa de España con máis de 4.200 quilómetros, actuando polo tanto nos 67 Concellos da provincia e achegando para elo 5 millóns de euros con cargo ó Plan de Conservación de Estradas 2013.

Estes actuacións súmanse as levadas a cabo por este Goberno Provincial nos últimos anos. Por exemplos, o Executivo de Gómez Besteiro multiplicou por 10 o número de quilómetros con aglomerado en quente, e hoxe son 1.000 os que contan con este material. Por este motivo e tendo en conta que esta superficie está en boas condicións, o número final de quilómetros sobre os que se intervirá co Plan de Rebacheo é de 3.200.

Máis actuacións

Ademais de aglomerar en quente 1.000 quilómetros, o Goberno provincial acometeu dende a súa chegada á Deputación outras importantes melloras nas estradas da súa competencia, como a sinalización e balizamento das vías dos 67 Concellos lucenses. Entres outras actuacións, destacan: colocación de máis de 3.400 sinais (entre circulares, triangulares e stop), dun milleiro de paneis direccionais, para alertar da presenza de curvas perigosas, máis de 400 balizas de neve, moi necesarias en estradas de alta montaña; sinalizou mediante hitos quilométricos todas as estradas da rede provincial, coa súa denominación. En total, colocou máis de 4.000 unidades; ou instalou cerca de 13.000 metros de barreiras de seguridade e máis de 4.700 metros de proteccións de seguridade para motoristas.