Deputación de Lugo

Santos destaca a importancia de manter as Xornadas Xurídicas de Sarria porque converten á provincia 'na capital xurídica de España'

O Deputado de Cooperación participou na inauguración da 7ª edición do congreso, ó que o organismo lugués lle presta unha colaboración económica “decisiva” dende a súa creaciónO Presidente intervirá mañá na clausura do prestixioso foro, que aborda por primeira vez o Dereito Penal e ó que asisten unhas 150 persoas

O Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos, xunto ó presidente do Tribunal Constitucional, Pascual Sala; o Alcalde de Sarria, José Antonio García; o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o presidente da Sala Primeira do Tribunal Supremo, Juan Antonio Xiol Ríos; o presidente da Sala Segunda do TS, Juan Saavedra Ruíz; o ex presidente da Sala Primeira do TS, Ignacio Sierra Gil de la Cuesta, e o presidente do Foro Xurídico Sarriano, Xaime Félix López Arias, participou este venres na casa da cultura de Sarria na inauguración da sétima edición das Xornadas Xurídicas da localidade, un acto no que destacou a importancia de garantir a continuidade de iniciativas coma esta “porque converten á provincia na capital xurídica de España e levan consigo grandes oportunidades económicas para Lugo”.

Neste senso, Santos indicou que este prestixioso congreso, ó que asisten unhas 150 persoas e dedicado nesta ocasión ó Dereito Penal tras 6 anos edición abordando diversas cuestións do Dereito Civil, “é o acontecemento científico-formativo máis importante que se celebra na nosa provincia no ámbito do Dereito, e leva consigo grandes oportunidades económicas para Lugo debido á visita de centos de persoas, chegadas de diferentes puntos do país, que non queren perder esta occasión única e participan nesta iniciativa, aproveitando a súa visita para coñecer os recursos naturais, culturais e gastronómicos da nosa provincia. Isto, claramente, repercute na economía lucense ó beneficiar a sectores fundamentais, como a hostalería ou o comercio”.

O delegado provincial de Cooperación destacou que a Deputación presta “unha colaboración económica decisiva” para celebrar as xornadas dende a súa primeira edición, e garantiu que o seguirá facendo en sucesivas ocasións “para que poidan continuar e sexan, como ata o de agora, todo un éxito”.

Trala xornada de hoxe, que inclúe dúas conferencias sobre o papel do Tribunal Supremo en España e a Fiscalía ante os delitos de violencia sobre a muller, ademais dunha mesa redonda na que se analizou a facultade de indultar do Goberno, as xornadas rematarán mañá con dúas ponencias sobre a seguridade vial e os novos delitos e as redes sociais.

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, intervirá no acto de clausura deste prestixioso foro, na que tamén está prevista a presenza do presidente do Consejo de Estado, José Manuel Romay Beccaría; o Alcalde sarriano; o maxistrado emérito da Sala Primeira do Tribunal Supremo, Román García Varela; o ex presidente da Sala Primeira do Tribunal Supremo e o presidente do Foro Xurídico Sarriano.