Deputación de Lugo

O Goberno Provincial esixe a retirada da Lei Wert, o mantemento de Educación para a Cidadanía e unha solución para o IES Mercedes

Imaxe deputación de lugo
O voceiro socialista avanza que o Executivo lugués levará ó Pleno unha proposta en defensa da educación pública, demandando cambios nas políticas dos Goberno do PPConsecuencia da LOMCE: o investimento educativo en España, que será o único país europeo sen Educación para a Cidadanía, situarase no 4% mentres a media na Unión Europea é do 5,5%. Ademais, primarase o concepto de Educación como negocioO Goberno lugués pide á Xunta unha solución para o IES Mercedes, manter o investimento educativo na provincia e coñecer as previsións da Consellería para o vindeiro curso

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, adiantou este luns que o Goberno Provincial leva unha proposta ó Pleno de mañá coa que insta ó Executivo Central a retirar o anteproxecto da LOMCE e non suprimir a materia “Educación para a Cidadanía”, así como á Xunta de Galicia a ofrecer unha solución para o IES Mercedes e a manter o nivel de investimento nos centros educativos da provincia.

Ó respecto do anteproxecto da Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE), Martínez salientou que “trátase dunha normativa histórica xa que, por primeira vez, ten en contra a todos os partidos da oposición, algo que nunca sucedeu coas lexislacións educativas do gobernos progresistas. É unha lei profundamente ideolóxica que pretende segregar ó alumnado segundo un modelo elitista e de clases sociais; elaborada sen contar coas comunidades educativas; e que inclúe novidades, claramente inxustificadas, como a eliminación de “Educación para a Cidadanía”, provocando así que España sexa o único país europeo sen esta disciplina”.

Con todos estes recortes, comprometidos con Bruxelas polo Goberno de Rajoy e que suman 11.000 millóns de euros ata 2014, en España pasarase dun 4,7% de investimento educativo a un 4%, cando a media europea está situada no 5,5%. Esta situación, que lastra todos os logros conseguidos nos últimos anos en materia educativa durante a etapa democrática, provocará que a Educación española retroceda polo menos 40 anos. Deste xeito e tal e como denunciaron diversos colectivos profesionais e especializados, as características da LOMCE son segregación, obsesión pola excelencia e outorgar máis peso e financiamento ós centros non públicos. Supón, ademais, recuperar o sistema de reválidas de tempos pretéritos, ó introducir avaliacións ó remate de primaria, secundaria e bacharelato con carácter decisorio, limitando así a capacidade dos mestres para avaliar ós seus alumnos.

Educación como negocio

Así mesmo, este proxecto, defendido polo Ministro de Educación, malia que establece mecanismos mediante exames para acceder a Ciclos Formativos de Grao Medio e posteriormente de Grao Superior, non prevé cursos preparatorios para estes exames, sendo polo tanto unha das oportunidades de negocio para academias e centros privados. Con todas estas medidas, impostas polo Goberno Central, o Estado deixará de ser o instrumento que garante o dereito á Educación pública dos cidadáns, pois na proposta de Wert prímase o concepto de Educación como negocio, en vez de Educación pública para todos. Tal é así, que co Goberno de Rajoy a Igrexa acadou unha das súas maiores victorias educativas dos últimos 35 anos: imponer a materia de Relixión como asignatura avaliable e con peso equivalente á media.

O voceiro socialista subliñou que “nestes momentos, nos que ademais, tal e como publicaron os medios de comunicación España non ten sitio para grandes científicos, como é o caso do focense Diego Martínez que vén de recibir o premio da Sociedade Europea de Física o premio ó mellor xoven físico experimental de Europa, o que precisa a Educación española non son máis reválidas nin catecismos, senón máis recursos e máis bolsas de estudo e facilidades para favorecer o acceso á Educación de todos os cidadáns”.

Peor en Galicia

Coa Lei de Wert a Educación española deteriorarase notablemente, pois limita o acceso a uns poucos. No caso de Galicia, esta situación empeorará aínda máis se ten en conta que a lei educativa da Xunta de Galicia vulnera, por exemplo, a autonomía das Universidades, sobre todo porque as actuacións financieiras e normativas das universidades galegas deben de contar coa autorización previa do Executivo autonómico. O Goberno galego obvia que estas entidades son básicas no desenvolvemento, transmisión e socialización do coñecemento, así como no cambio do sistema produtivo para acadar unha sociedade máis competitiva e xusta.

Situación de Lugo

No caso concreto da provincia, as medidas impostas polos Gobernos do Partido Popular e a actitude do Executivo autonómico poñen en clara dúbida a eficacia do sistema educativo público. Os integrantes da Comunidade educativa do IES As Mercedes – o centro de referencia para o sur de Lugo- continúan agardando a que os reciba o Conselleiro de Educación para garantir a viabilidade deste centro educativo. Por outra banda, as familias de Lugo, e doutros Concellos como Cervantes, O Incio ou Samos descoñecen, a 4 meses de comezar o novo curso escolar, as previsións da Consellería para organizar o funcionamento dos centros educativos o vindeiro curso académico, que unidades didácticas haberá, o número de profesores que impartirán clases ós seus fillos ou en que condicións se ofrecerá o servizo de comedor escolar trala entrada en vigor dun decreto que incrementa considerablemente as taxas a pagar.