Deputación de Lugo

A Deputación impulsa un ano máis a celebración da feira Fademur destacando o importante papel da muller emprendedora no rural

Lara Méndez alabou o rol fundamental que desempeñan estas mulleres“na modernización e dignificación do traballo” en zonas da provincia “especialmente afectadas polo despoboamento” Máis de 20 emprendedoras porán á venda produtos de alimentación, xoiería, cestería, olería, téxtil, coiro e decoración nos stands que se instalarán por 1ª vez na praza de San MarcosFademur abrirá do 30 de maio ó 9 de xuño, en horario de 11:00 a 21:00 horas, e contará con degustacións de produtos, exposicións fotográficas e demostracións en vivo

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez; a presidenta de Fademur Galicia, Rosa Arcos, e a Secretaria de Igualdade de Unións Agrarias, Verónica Marcos, presentaron esta mañá no Salón de Actos de San Marcos a 6ª edición de edición da Feira Fademur, iniciativa nacida grazas ó traballo da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (FADEMUR), que aposta polo xusto recoñecemento que merecen as mulleres que se deciden por emprender negocios no rural.

Esta feira naceu como un medio de dar a coñecer o traballo destas mulleres que, conxugando as boas prácticas coa innovación e as técnicas tradicionais, apostan por planificar negocios no rural en prol do seu desenvolvemento. Nesta liña, Lara Méndez destacou que con esta iniciativa, a Deputación “segue apostando polo traballo das mulleres naquelas zonas especialmente afectadas polo despoboamento, porque grazas á súa iniciativa xogan un papel fundamental na modernización e dignificación do traballo no noso agro”. A Vicepresidenta subliñou que nun momento no que as mulleres do rural “pagan dun xeito especialmente duro as deficiencias dos gobernos autónomico e central”, posto que atacan directamente á súa calidade de vida. “Baste citar o exemplo da Lei de Dependencia, que bota por terra a protección das mulleres que coidan dos nosos dependentes, un 80% das cales vive precisamente no rural”.

Novo escenario para Fademur

Rosa Arcos, tras agradecer o compromiso da Deputación de Lugo con esta iniciativa, xa que “sempre amosou o seu convencemento de que estas iniciativas dinamizan o medio rural”, explicou que este ano “a feira será diferente, innovadora, tanto no escenario coma no seu formato”. A feira Fademur contará coa presenza de máis de 20 emprendedoras, procedentes de diferentes puntos de Galicia e, tamén por primeira vez, de fóra da Comunidade: 6 proceden de Lugo; 2 de Ourense; 4 da Coruña; 1 de Pontevedra; 4 da Rioxa; 2 de Cantabria e 1 de Castela León. Estas porán á venda nos seus stands variados produtos: xoiería, cestaría, téxtil, decoración, coiro, olería ou alimentación (dulces, queixos, viño e castañas e derivados). Este número de participantes aumentará, xa que os negocios participantes irán rotando ó longo dos días que dure a feira.

En canto ó novo formato do evento, Arcos subliñou que hai programadas unha serie de actividades paralelas, que inclúen “degustacións gastronómicas, demostracións en vivo, exposicións fotográficas sobre os procesos de creación e elaboración dos produtos presentes, así coma un obradoiro no que se aboradarán novos xeitos de comercialización, coma é o caso das plataformas de comercio electrónico”.

Por primeira vez, Fademur ocupará a praza de San Marcos, localización inmellorable, o que quedou patente co éxito acadado por outras iniciativas semellantes celebradas nese escenario, como é caso do 1º Mercado de Nadal Merca o Teu, celebrado o pasado Nadal e que permitiu que unha vintena de artesáns e produtores participantes acadaran unha facturación de 25.000 euros. Ademais, este ano a Feira coincidirá coa celebración do congreso de redes sociais #INLUGO, que se celebrará no Pazo de San Marcos os días 7 e 8 de xuño e que reunirá, por primeira vez en Lugo, á elite nacional e internacional de Internet. Ducias de persoeiros que marcan o ritmo das tendencias en turismo, ocio, gastronomía ou hostalería, poderán aproveitar a súa estancia para coñecer o traballo destas emprendedoras, o que suporá un bo escaparate para os seus negocios.

Fademur inaugurarase o vindeiro día 30 de maio e permanecerá aberta ata o 9 de xuño en horario continuo de 11:00 a 21:00 horas.