Deputación de Lugo

A Deputación aforra entre un 40 e un 60% nos custes enerxéticos de instalacións municipais da Fonsagrada e Monterroso

O organismo provincial acometerá dous proxectos piloto para equipar con subministro de enerxías renovables a edificios municipais da Fonsagrada e Monterroso, co que potencia a cooperación cos Concellos para axudarlles a reducir a factura enerxética A instalación dun caldeira de biomasa no novo consistorio fonsagradino permitirá un aforro dun 40% na calefacción destas dependencias, e coa colocación de paneis solares na piscina monterrosina as arcas municipais aforrarán 8.500 euros ó ano en combustibleA institución luguesa outorga a Mondoñedo unha axuda de 56.300 euros co fin de que poida afrontar a parte económica que lle corresponde para acometer as obras previstas este ano no marco da Área de Rehabilitación Integral, consistentes no arranxo da Rúa Pacheco

A Xunta de Goberno deu luz verde na reunión deste luns a dous convenios de colaboración que potenciarán a cooperación cos Concellos para axudarlles a aforrar na factura enerxética. Segundo informou o voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, a Deputación asinará dous acordos, a modo de proxectos piloto, cos Concellos da Fonsagrada e Monterroso para dotar de subministro de enerxías renovables a edificios municipais, unhas actuacións cun orzamento global de 143.500 euros, financiadas ó 80% pola Unión Europea a través do programa Lug02.

O convenio entre o organismo provincial e o Concello da Fonsagrada, dotado con 71.500 euros, está destinado a equipar á nova casa consistorial con unha caldeira de biomasa para o sistema de calefacción. “Contar con este sistema a base de biomasa, en vez de a gasóleo, permitiralle ó Concello, segundo os nosos cálculos, un aforro anual dun 40% na factura da calefacción destas dependencias, ademais de emitir anualmente 24 toneladas menos de CO2 á atmosfera”, explicou Martínez. A Deputación xa financiou cunha achega de 850.000 euros a construción da nova Casa do Concello da Fonsagrada, cuxo deseño técnico correu a cargo da Xunta de Galicia. As obras, que estarán previsiblemente rematadas a finais de novembro, estaban incluídas dentro do convenio por valor de 1 millón de euros do Plan Extraordinario de Obra Pública da Deputación.

Polo que respecta ó convenio co concello de Monterroso, está dotado con 72.000 euros e servirá para equipar á piscina climatizada municipal con paneis solares para a produción de auga quente sanitaria e para quentar a auga dos vasos. “Instalaranse 36 paneis solares térmicos que permitirán ó Concello aforrar 8.500 euros en combustible, o que supón preto do 60% da factura enerxética da piscina, ademais da rebaixa na emisión á atmosfera de 20,5 toneladas de CO2”, indicou o voceiro provincial.

Manuel Martínez resaltou así mesmo que, “ademais do aforro de cartos que supoñen para as arcas municipais, estes proxectos piloto pretenden servir de modelo co obxectivo de concienciar ós veciños das vantaxes económicas e da importancia medioambiental de incorporar equipamentos de enerxías renovables nas súas vivendas, empresas, explotacións agrogandeiras...”

Estes dous novos convenios súmanse a outras iniciativas que a Deputación está desenvolvendo para axudar ós Concellos a reducir a factura eléctrica. É o caso das auditorías enerxéticas que lle realiza a 37 municipios de xeito totalmente gratuíto. “Estes traballos, cos que aforramos uns 10.000 euros a cada Concello, comezaron no mes de xuño e a día de hoxe están rematados en 14 Concellos”, apuntó Martínez.

Mondoñedo non perde axudas grazas á Deputación

A Xunta de Goberno aprobou así mesmo conceder ó Concello de Mondoñedo unha axuda de 56.300 euros co fin de que poida afrontar a parte económica que lle corresponde para acometer as actuacións previstas este ano no marco da Área de Rehabilitación Integral do casco histórico. Estas obras consisten no acondicionamento da Rúa Pacheco, una vía que se atopa na actualidade en moi mal estado e que se reformará totalmente, dende a calzada ós servizos.

“Deste xeito, continuamos coa liña de colaboración que iniciamos hai varios anos con Mondoñedo, tendo en conta as graves dificultades económicas polas que atravesa este Concello, para que os veciños non perdan as axudas da Área de Rehabilitación Integral, un programa que cofinancian Goberno central, Xunta e Concello. Se o Concello non aporta a parte que lle corresponde do orzamento de cada ano, dun 40%, esas axudas pérdense”, precisou o Deputado.

No marco desta liña de colaboración, a Deputación contribuíu nos últimos anos á construción do aparcamento subterráneo de Alcántara, á rehabilitación da Ponte do Pasatempo e ó acondicionamento de pasos peonís no casco histórico, entre outras melloras.

Novo aforro en gastos correntes

Por outra banda, a Xunta de Goberno deu luz verde á contratación dos servizos para un xestor de documentación multimedia que permitirá que todos os departamentos da Deputación manexen os documentos e os compartan en formato dixital, “co que aforraremos cartos en papel e ofreceremos un servizo máis eficaz á cidadanía, tendo en conta a maior axilidade que permite o manexo da documentación en dixital”, afirmou Manuel Martínez.

Esta nova medida de aforro en gastos correntes, financiada ó 80% pola Unión Europea a través do programa tecnolóxico Innova-TE, “súmase ás que vimos tomando para aforrar custes optimizando recursos. Este ano reducimos os gastos correntes en 2,6 millóns de euros con medidas do mesmo tipo ca esta: baixamos un 25% na factura eléctrica das dependencias municipais coa reforma do contrato coa compañía; reducimos á metade os gastos en telefonía; baixamos 25.000 euros nos custes dos equipos multifunción, e 20.000 ó substituír o papel timbrado que antes se encargaba a unha empresa por plantilla feitas polo persoal da Deputación...” explicou o Deputado.