Deputación de Lugo

A Deputación súmase un ano máis á celebración do Arde Lvcvs cunha exposición no CENTRAD sobre o mundo dos gladiadores

Gómez Besteiro inaugurou hoxe Gladiadores, heroes da area, a exposición que recrea a vida e costumes destes loitadores da antiga Roma con máis de 80 pezas e proxecciónsA mostra está aberta dende hoxe e ata o 21 de xullo na Sala de Exposicións do CENTRAD. O horario é de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas. A entrada é totalmente gratuítaO pavillón 4 do Centro de Artesanía e Deseño acolle ademais a exposición cos traballos de fin de curso realizados no marco das Aulas da Terceira Idade en Lugo

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, xunto á Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, inaugurou este xoves Gladiadores, heroes da area. Trátase da mostra que o organismo provincial sitúa na Sala de Exposicións do CENTRAD dende hoxe e ata o 21 de xullo, levando máis de 80 pezas que recrean a vida e costume dos gladiadores da antiga Roma. Con esta exposición, a institución participa activamente un ano máis nos actos organizados con motivo do Arde Lvcvs, que terá lugar os días 14, 15 e 16 de xuño, contribuíndo a dar maior contido e potenciar unha celebración que converte a Lugo na capital festiva galega por excelencia.

Gómez Besteiro subliñou que “debemos facer fronte á crise aproveitando as oportunidades económicas, é dicir, potenciando a economía verde, a economía do coñecemento, os empregos brancos ou a cultura, que representa o 2,3% do PIB da nosa provincia. Por este motivo, un ano máis, Deputación e Concello de Lugo suman esforzos na celebración do Arde Lucus, un evento declarado xa Festa de Interese Turístico Galego malia a súa xuventude, capaz de deixar uns beneficios de 10 millóns de euros. O Arde Lucus xera riqueza. Por exemplo, a ocupación hoteleira acada o 100% cando os prezos das habitacións chegan a ser superiores ós dos hoteis de Nueva York”.

Pola súa banda, Regina Polín destacou “a importancia de manter esta colaboración entre institucións, para impulsar unha festividade de atractivo cultural e turístico, que sitúa a Lugo nun lugar de referencia no mapa de España, tal e como o demostra o feito de que 1 millón de persoas, chegadas de todos os puntos do país, participasen en anteriores edicións do Arde Lucus. Seguiremos traballando nesta liña para que o número de visitantes se aumenta ano tras ano, como o fixo ata o de agora”.

Máis de 80 pezas

Gladiadores, heroes da area recrea a vida destes loitadores, ofrecendo ós visitantes ampla información sobre o seu entrenamento, alimentación ou equipamento. Son 80 pezas entre as que se atopan reproduccións das armas ou proteccións que empregaban os gladiadores. Ademais, tamén se inclúen proxeccións que amosan os feros combates destes loitadores.

A exposición permanecerá aberta dende hoxe ata o vindeiro día 21 de xullo. O horario é o seguinte: 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas. A entrada é totalmente gratuíta

Colaboracións coa festa

Esta non é a primeira colaboración da institución provincial con esta celebración. O ano pasado ano a Deputación organizou cursos de formación, nos que 200 persoas elaboraron as súas propias vestimentas e complementos, tanto de romanos coma de castrexos, para a festa. Ademais, os artesáns do Obradoiro do Traxe do CENTRAD encargáronse de confeccionar a vestimenta lucida polos personaxes de César e Lisístrata. Tamén ten colaborado con colectivos que participan activamente na celebración. É o caso da Cohors III Lucensium, ós que se lles fixo entrega dun videoclip, elaborado por alumnos e bolseiros da Escola de Imaxe e Son.

Aulas da Terceira Idade

Gómez Besteiro tamén inaugurou hoxe a mostra cos traballos de fin de curso realizados no marco das Aulas da Terceira Idade en Lugo. O titular provincial estivo acompañado pola Presidenta deste colectivo, Conchita Pintos. A exposición, aberta ó público no pavillón 4 do CENTRAD, reúne obras de pintura, cestería, acrílicos ou pezas de reciclaxe, elaboradas polo medio cento de alumnos dos obradoiros celebrados durante este ano por dita asociación.