Deputación de Lugo

A Deputación contrata as obras da residencia e centro de día público en Trabada

Logo de esperar case 1 ano a que a Xunta concedese o informe favorable a este proxecto, o Presidente, acompañado polo Alcalde trabadense, resolveu a adxudicación destas actuacións, que iniciará nun mesO organismo provincial inviste 1,2 millóns de euros neste centro para maiores mentres o Concello achega 200.000 euros, os servizos urbanísticos e os terreos necesarios Estas instalacións, situadas no centro para dinamizar os negocios da zona, contarán con 24 habitacións con posibilidade de que sexan dobres. A súa posta en marcha suporá a creación duns 20 empregos

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado polo Alcalde de Trabada, José Manuel Yanes, asinou hoxe o contrato para a construción da residencia e centro de día público neste municipio. Logo de esperar case 1 ano a que a Xunta lle concedese o informe favorable a este proxecto –requisito legal imprescindible-, a institución iniciará agora estes traballos no prazo dun mes, fomentando o benestar social, creando emprego e combatendo o despoboamento demográfico.

O organismo provincial inviste na residencia e centro de día público de Trabada 1,2 millóns de euros mentres que o Concello achega 400.000 euros, os servizos urbanísticos e os terreos necesarios.

Estas instalacións sociais afincaranse no centro da localidade trabadense co obxectivo de dinamizar os negocios da zona. As prazas residenciais e as dos centros de día distribuiranse segundo as necesidades dos veciños de Trabada. Para elo, no proxecto figuran 24 habitacións, con posibilidade de que sexan dobres. É dicir, podería habilitarse 48 prazas residencias. Neste caso, diminuirían as prazas nos centros de día. Non obstante, a Deputación definirá isto en función das demandas, tendo en conta que, segundo os expertos, hoxe son moitos os maiores que non queren abandonar as súas casas e prefiren ser atendidos nun centro durante o día para durmir nos seus fogares.

A construción deste centro para a terceira idade supón a creación duns 20 novos postos de emprego. Por exemplo, os de coidadores sociais, médicos, ATS, así como administrativos, cociñeiros ou persoal de limpeza, é dicir, todo o persoal necesario para o funcionamento destas instalacións. Hai que ter en conta que, segundo as directrices da Lei de Servizos Sociais de Galicia, é obrigatorio contratar a un mínimo de coidadores por número de prazas, así como 1 médico e 1 ATS que presten atención ás 24 horas.

Máis residencias e centros de día públicos

Xunto ás de Trabada, a Deputación tamén iniciará nas vindeiras semanas as obras de construción da residencia e centro de día pública de Castroverde logo de contratar estas actuacións a semana pasada. Estes traballos engádense ós da Fonsagrada, onde o organismo provincial executa as obras do centro para a terceira idade deste municipio. Proximamente, a institución adxudicará tamén os proxectos de Pol e Pedrafita do Cebreiro para, a continuación, contratar os de Navia de Suarna e Ribas de Sil. Trátanse dos proxecto que teñen o visto e prace da Xunta de Galicia e que forman parte da 1º fase do plan de implantación de residencias e centros de día públicos na provincia. O feito de que a Deputación desenvolva en solitario esta programación con 15 millóns de euros logo de que a Xunta rexeitase colaborar, ofrecendo prazas concertadas que, pola contra, si concede a centros privados, impide, polo de agora, á institución luguesa realizar o 100% do seu plan. Sen embargo, a Deputación non renuncia a el polo que irá incorporando cantidades orzamentaria para seguir avanzando.