Deputación de Lugo

A Deputación fai posible a celebración da 32ª edición da Festa do Turista de San Cibrao

A institución achega 3.000 euros e leva dúas profesionais do Centro de Artesanía e Deseño, que impartirán cursos gratuítos de cestería para 100 persoas A Deputada de Deseño e Artesanía, xunto con membros de ACIA e do CIT, presentou a cita que terá lugar o 3 de agosto, coincidindo coa 5º edición do Antroido do Verán

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, representantes da Asociación de Comerciantes Industrias e Autónomos de San Cibrao, María Adela Galdo e Ana Isabel San Eloy, e membros do Centro de Iniciativas Turísticas de Cervo, María Jesús Álvarez, Mari Sol Antuña e Serafín Gómez, presentaron este mércores no local do CIT a Festa do Turista. O evento celebrarase o sábado 3 de agosto. A súa finalidade é homenaxear e ofrecer unha oferta lúdica ós turistas que se achegan ata a zona durante o verán, así como contribuír á unión entre os cidadáns que residen durante todo o ano na vila e os que chegan na tempada estival. Regina Polín destacou que a Deputación fai posible a celebración da 32ª edición desta iniciativa, achegando 3.000 euros e levando profesionais do Centro de Artesanía e Deseño, que ofrecerán ós participantes cursos gratuítos sobre cestería. “Un ano máis, colaboramos cunha festa que lle aporta un grande valor ó Concello de Cervo e que dinamiza a súa economía”, salientou.

Actividades culturais, gastronómicas e de ocio

As actividades preparadas para o evento son moi diversas. Pola maña, hai programado un mercado de obxectos de segunda man e de artesanía. Pola tarde, coa colaboración do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación, poderase aprender cestería da man de dúas artesanas. A actividade consiste nun obradoiro, onde se lle ensinará á xente como facer cestas ó xeito tradicional da man de Dolores Tourón e Carmen Fieiras, dúas profesionais da provincia lucense. As prazas ofertadas nesta ocasión son 100. O cursiño intensivo durará entre 4 e 5 horas. O CENTRAD proporcionará o material necesario para a realización da actividade. Posteriormente, haberá unha actuación-taller de burbullas de xabón. O proxecto comezará cunha exhibición por parte dos mestres que logo impartirán o curso. Despois da función, procederase a facer un obradoiro, onde se aprenderán as técnicas necesarias para por en marcha un espectáculo con burbullas. Ó longo de toda a tarde tamén se poderán degustar bolos e empanada.

Antroido de Verán

A Asociación de Comerciantes Industrias e Autónomos de San Ciprián organizan por 5º ano consecutivo o Antroido de Verán, que coincide co fin da xornada da Festa do Turista. O evento comezará a partires das 9 da noite e o desfile de disfraces estará amenizado pola Charanda Dambara. Posteriormente, haberá unha entrega de premios, onde os mellores disfraces serán recompensados. Os premios están adicados tanto para os nenos como para os adultos e hai un total de 2.000 euros que serán divididos entre todos os participantes.