Deputación de Lugo

A Deputación critica a desidia da Xunta na xestión do Real Padroado de Sargadelos

Imaxe deputación de lugo
A Vicepresidente segunda, Lara Méndez, considera unha desfachatez por parte da Delegada Territorial da Xunta anunciar as obras da casa da Administración unha vez tras outraDende a Deputación insisten en que o orzamento non é suficiente debido ó deterioro que sofren as instalacións pola desidia da XuntaA Vicepresidenta segunda tamén denuncia a falta de información por parte da Xunta ó resto dos membros do padroado, do que forma parte a Deputación

A Vicepresidenta segunda da Deputación, Lara Méndez considera unha “tomadura de pelo” a actuación da Xunta de Galicia na xestión do padroado do conxunto histórico artístico de Sargadelos e nas obras de mantemento que se están a realizar na casa da Administración.

Dende a Deputación critican que ano tras ano a Xunta anuncie que se van acometer obras no lugar sen que se cheguen a executar. Os orzamentos da Xunta levan dende o 2004 recollendo unha partida para esta cuestión, sen embargo o padroado que ten que aceptar as obras, dirixido e presidido pola xunta, non se reuniu ata marzo deste mesmo ano. Para Lara Méndez a tardanza na convocatoria das reunións da conta da desidia da Xunta por comezar as obras. Unha desidia que segundo ela “non teñen os populares para anunciar a bombo e platillo que comezan o que levan anos sen cumprir”

Neste senso, a Vicepresidenta segunda denuncia que nos últimos anos non se convocaron reunións do padroado. Lara Méndez explica que dende que representa á Deputación no padroado só foi convocada nunha ocasión e considera que se a Xunta estivese realmente interesada na posta en valor deste conxunto histórico artístico convocaría o padroado con maior frecuencia, tal e como demandou a Deputación.

A Vicepresidenta Segunda explica tamén que a contía destinada ás obras de mantemento é claramente insuficiente. Nos orzamentos da Xunta no 2004 xa se incluía unha partida para realizar obras de urxencia na Casa da Administración de Sargadelos, unha edificación que se atopa moi deteriorada e precisaba unha rápida actuación. A situación, insiste Lara Méndez, case 10 anos despois é moito peor, polo que os 76.000 euros que se destinan a esta cuestión, non son suficientes. Sen embargo, por parte da Xunta, “parece que se congratulan desta situación porque non teñen reparos en publicitala”.

Falta de información ós membros do padroado
Dende a Deputación acusan á Xunta, organismo responsable de convocar e transmitir información ós membros do padroado, de opacidade na xestión deste órgano. Tras 7 anos sen convocar reunión do padroado, na xuntanza de marzo a Vicepresidenta Segunda solicitou os estatutos de creación do ente e máis documentación sobre o proxecto de obras, información que 6 meses despois aínda non lle foi transmitida. Por este motivo, consideran dende a Deputación que a Xunta descoida as súas funcións e reclaman unha maior atención neste aspecto.

Conxunto histórico artístico de gran valor
No ano 1973 o conxunto de edificios que comprenden a Real Fábrica de cerámica, o pazo de Ibáñez, a Casa da Administración e o Paseo dos Namorados en Sargadelos foron declarados Conxunto Histórico Artístico. Dende aquelas, a Deputación que forma parte do Padroado loitou pola posta en valor deste lugar que é un dos máis fermosos da Mariña. Á beleza arquitectónica e paisaxística do lugar hai que sumarlle as connotacións sociais e culturais que leva asociado o nome de Sargadelos figura clave na historia de Galicia.