Deputación de Lugo

A Deputación amplía a Colección de Instrumentos Musicais e Obxectos Sonoros coa apertura dunha nova sala de exposicións

Imaxe deputación de lugo
Polín inaugurará, nun acto que terá lugar mañá ás 21:00 horas no Pavillón 4 do CENTRAD, a Sala Antón de Marcos, na que se recreará o pasado do Obradoiro do Instrumento Musical As celebración pola apertura desta sala continúa hoxe co concerto interactivo de música étnica de Carlos Blanco ás 20:00 horas na Capela e a obra de teatro Menciñeiros, o día 21 a partires das 22:00 horas, na terraza do Pavillón 4 do CENTRAD. A entrada a ambos é gratuítaA programación do Centro segue a fin de semana coas Mañás Artesás, actividades gratuítas de artesanía ó aire libre pensadas para toda a familia os días 22 e 29 de xuño, de 10:00 a 14:00 horas, nos exteriores do Centro de Cestería do Rato

A Deputada da Área de Artesanía e Deseño, Regina Polín, participará no acto de apertura ó público da nova sala que forma parte da exposición de Instrumentos Musicais e Obxectos Sonoros do Centro de Artesanía e Deseño. Será este venres ás 21:00 horas e a asistencia ó mesmo é totalmente gratuíta e limitada unicamente ó aforo.

Tras unha semana de celebracións, a semana da Música no CENTRAD -o MusicAD- culmina coa inauguración deste novo espazo da Colección de Instrumentos, precisamente na data na que se conmemora o Día Internacional da Música.

Tal e como destacou Polín durante a presentación do MusicAD, “a nosa Colección da Instrumentos Musicais é unha das xoais culturais da provincia, da que todos os lucenses deben sentirse orgullosos. Poucas coleccións teñen ese potencial de contribuír á salvagarda, difusión, investigación e posta en valor do noso patrimonio cultural. Con esta ampliación non só aumenta o tamaño desta exposición permanente, senón tamén a súa calidade e valor”

A sala recibirá o nome de Antón de Marcos, na honra do que foi promotor do actual Obradoiro do Instrumento Musical, que naceu nun local habilitado no Pazo de San Marcos nos anos 50 do século pasado, e suma 21 m2 ós dispoñibles das tres salas existentes: a Xelmírez, a Fundadores e a Pórtico da Gloria. Neles, recrearase o pasado deste obradoiro, a través de ferramentas da época, os materiais ou as técnicas empregadas. Deste xeito, compleméntase o contido das outras salas, nas que se poden admirar instrumentos musicais e obxectos sonoros de diferentes familias e procedencias.

Concerto didáctico e interactivo

A Capela de Santa María acollerá hoxe un orixinal concerto que ofrecerá Carlos Blanco Fadol.
Estudioso das músicas étnicas do mundo, este candidato ós Premios Príncipe de Asturias, dará ó público asistente a posibilidade de interpretar diferentes pezas musicais, con independencia dos coñecementos musicais que posúa. Tanto os alumnos do Conservatorio Profesional lucense e de todas as escolas de música da provincia, que acudirán polo carácter didáctico do concerto, coma o público en xeral poderán tocar os instrumentos musicais que se lles entregarán, procedentes do sudeste asiático e coñecidos como angklung, grazas ás orixinais indicacións de Carlos Blanco.

O concerto de Carlos Blanco dara comezo ás 20:00 horas, e a entrada é gratuíta e limitada uncamente ó aforo do recinto.

Teatro pola noite

Os actos do MusicAD rematarán coa obra de teatro que interpretarán Pepe Penabade e os músicos Mini e Mero, a partires das 22:00 horas do día 21 de xuño, tras a inauguración da sala Antón de Marcos. Nunha experiencia única, a obra teatral “Menciñeiros”, inspirada na obra de Cunqueiro, encherá de música a noite con esta aproximación dramática á figura do menciñeiro, grazas á combinación de texto e música.

A obra terá coma escenario a terraza do pavillón 4 do CENTRAD, na Travesía da Rúa Chantada, e coma no resto dos actos, a entrada é gratuíta.

Mañás artesás en familia

Tras o remate dos actos do MusicAD, a actividade no Centro de Artesanía e Deseño non se detén. Tanto este sábado, día 22, coma o vindeiro, 29 de xuño, na zona do río Rato terá lugar a primeira edición das Mañás Artesás.

Trátase dunha actividade totalmente gratuíta e pensada para achegar os oficios máis antigos e esquecidos a lucenses de todas as idades. Para iso, os artesáns do CENTRAD levarán a súa actividade ás carpas que quedarán instaladas nas inmediacións do Centro de Cestaría, na contorna do río Rato, e alí agardarán a visita de todos os que se queiran achegar para velos traballar en vivo.

Haberá demostracións en vivo do traballo de canteiros, cesteiros, oleiros e artesáns do coiro, que non só ofrecerán explicacións a todos os que teñen interese en saber algo máis dos seus materiais, técnicas e ferramentas, senón que darán a posibilidade de poñer en práctica o aprendido, participando na elaboración de pequenos obxectos.