Deputación de Lugo

As actividades gratuítas de ocio medioambiental de Lugoteando chegan á súa 4ª edición

Lugoteando renovará a oferta de actividades deportivas e de ocio gratuítas por toda a provincia para os meses de xullo, agosto e setembro tras o éxito das pasadas convocatoriasComa novidades deste ano haberá patinetes acuáticos, longskate e simulador de surf, e voltarán outras coma o paddle surf, as bolas acuáticas e os segway nos Concello de Fonsagrada, A Pontenova, O Valadouro, Monforte, Viveiro, Foz, O Incio, Vilaba e LugoInformación e inscricións en www.deputacionlugo.org, no 982.26.01.47 ou ben in situ antes do comezo das actividades. O prazo de inscrición para as 1.000 prazas dispoñibles ábrese hoxe

A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, presentou esta mañá nos xardíns do Pazo de San Marcos a 4ª edición de Lugoteando, a iniciativa medioambiental de actividades lúdicas e deportivas para públicos de todas as idades, que busca potenciar o medio natural como factor xerador de riqueza para toda a provincia. Esta iniciativa, cofinanciada ó 80% polos fondos europeos FEDER a través do proxecto Lug02, ofrecerá 1.000 prazas totalmente gratuítas.

López Izquierdo destacou que “os recursos fluviais e litoriais da provincia ofrecen oportunidades de desenvolvemento económico que debemos poñer en valor. Lugoteando é unha das actividades que a Deputación organiza durante todo o ano, encamiñadas a potenciar o turismo e o ocio medioambiental coma oportunidade económica de primeiro nivel, que colleita maior éxito. De feito, López Izquierdo destacou que “a aceptación medra en cada edición. De feito, o ano pasado houbo a mesma cifra de inscritos coma nas dúas primeiras edicións xuntas e moitos dos participantes, xa antes de rematar as actividades, amosábanse interesados en saber se esta iniciativa se repetiría en vindeiras ocasións e se era posible reservar praza. “Isto danos a razón cando insistimos que o medioambiente ofrece alternativas de crecemento económico atraendo un turismo especializado de natureza, aventura e deporte, contribuíndo a crear postos de traballo, especialmente no rural, e axudando a fixar poboación”

Actividades gratuítas

As actividades están pensadas para toda a familia e por primeira vez, son totalmente gratuítas. A oferta inclúe actividades acuáticas especialmente indicadas para practicar no mar, coma surf ou bananas acuáticas; e outras pensadas para o río, coma o paddle surf, que consiste en remar en pé sobre unha táboa de surf; sea scooter, un pequeno motor con hélices que permite mergullarse con facilidade; bolas acuáticas; paseos en canoa ou patinetes acuáticos a pedal, ideais para os máis pequenos.

Para os que prefiran permanecer en terra firme, tamén haberá posibilidades de ocio coma os paseos en diferentes vehículos, coma os segway, os skates a motor ou os longskate, pero tamén poderán practicar surf nun simulador que permite experimentar a sensación de cabalagar sobre as olas.

Datas e localizacións

O calendario previsto para as actividades e os lugares de celebración son os seguintes:

- 27 de xullo: A Pontenova e A Fonsagrada, no Pozo da Ola e na Praza do Museo, respectivamente
- 3 de agosto: O Valadouro, na praza de Ferreira do Valadouro
- 10 de agosto: Viveiro, no Clube Náutico
- 11 de agosto: Monforte de Lemos, no parque dos Condes
- 17 de agosto: Foz, na praia da Rapadoira
- 24 de agosto: Vilalba, na área recreativa da Madalena
- 1 de setembro: O Incio, na praza do Concello
- 7 e 8 de setembro: Lugo, na zona recreativa fluvial dos Robles

Como inscribirse

A inscrición en Lugoteando pode facerse dende hoxe a través da web www.deputacionlugo.org, ou ben in situ antes do comezo de cada actividade, no caso de que queden prazas dispoñibles. Nesta mesma páxina web ou no teléfono 982.26.01.47 poderán obter máis información. No caso dos menores de idade, terán que presentar unha autorización asinada dos pais ou titores, que tamén poden descargar na citada web.