Deputación de Lugo

A Deputación impulsa a iniciativa solidaria Desafío Galicia

Lara Méndez estivo hoxe no acto de saída da travesía a remo coa que o surfista Óscar García percorrerá en solitario a costa galega para recadar fondos para nenos autistasTras partir dende a praia barreirense das Catedrais, chegará á Guarda o vindeiro 2 de xullo tras percorrer 1.200 quilómetros en xornadas de seis horas

A Vicepresidenta segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez, participou hoxe no arranque de Desafío Galicia, unha iniciativa solidaria que levará ó surfista lugués Óscar García a percorrer a costa da Comunidade a remo, sobre unha táboa de paddle surf, co fin de recadar fondos para nenos autistas. Este proxecto conta coa colaboración económica da institución provincial.

Durante o acto, que contou coa presenza doutras autoridades, coma o alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente Parga; o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete; representantes doutros Concellos por cuxas costas pasará García, e público en xeral, Lara Méndez subliñou o especial significado desta iniciativa “primeiro, polo seu interese social e, segundo, polo estupendo labor de promoción do noso litoral”. De feito, Óscar García aproveitará para gravar un documental, que ofrecerá unha visión de Galicia dende o mar.

Pola súa banda, o deportista lucense quixo agradecer a colaboración prestada por institucións e particulares, sen cuxa colaboración no tería sido posible levar a cabo a súa aventura, e tivo palabras para lembrar o importante papel que desempeñan a diario as familias dos afectados por este trastorno.

O barreirense Óscar García arrinca hoxe dende a praia das Catedrais con este desafío, que o levará a ser o primeiro en percorrer en solitario 1.200 quilómetros da costa de Galicia, sen apoio marítimo, nunha travesía que rematará o vindeiro día 2 de xullo na Guarda.

Será unha travesía de duras xornadas de seis horas, durante as que ten previsto percorrer uns 30 quilómetros, cargando el mesmo con todo o material necesario, coma provisións, cámaras ou un GPS. Co único apoio dun pequeno equipo que o seguirá polas estradas costeiras de Galicia, García enfrontará as previsións meteorolóxicas para esas datas, que apuntan a fortes ventos, mar de fondo e chuvias.

Desafío Galicia naceu no 2010, coa colaboración entre o clube do que Óscar García forma parte, o Club de Kitesurf e Sup AugasSantas e a súa escola, e a asociación lucense Raiolas, que engloba a familiares de persoas con autismo e outros trastornos do desenvolvemento.