Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación reivindica que Monforte volva a ser referencia no transporte de mercadorías

Gómez Besteiro fixo esta reivindicación participando nos actos organizados por AMAFER, Deputación e Concello polo 130 aniversario da estación de tren da cidadeOs actos comprenderon a inauguración dunha estatua na praza da Estación e a homenaxe a 15 ferroviarios xubiladosO Presidente solicitou á Xunta que rematase canto antes a urbanización e os accesos ó Porto Seco para garantir o interese das empresas

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, aproveitou a súa participación nos actos organizados pola Asociación de Amigos do Ferrocarril de Monforte (AMAFER) xunto á Deputación e o Concello para reivindicar investimentos que garantan a posta en funcionamento do Porto Seco nesta cidade. Só deste xeito, segundo Gómez Besteiro, “a cidade poderá recuperar o seu esplendor ferroviario e converterse en nó loxístico e referencia no transporte de mercadorías”. Para conseguilo, insiste o presidente “é imprescindible o compromiso da Xunta para rematar a urbanización do Porto Seco e as conexións por estrada coa N-120 e o corredor Monforte-Lugo”. Gómez Besteiro engadiu que “é o momento de que a Xunta poña en valor o solo do Porto Seco, conseguindo que se instalen empresas, para rendibilizar a inversión, de preto duns 15 millóns de euros”.

Os actos patrocinados pola Deputación de Lugo conmemoraron os 130 anos de apertura da estación de tren desta localidade.Na praza da Estación reuniuse un nutrido grupo de persoas para ver como descubrían unha escultura para homenaxear ós ferroviarios. O autor da obra é Felipe Hoyos e nela se mostra un traballador do ferrocarril coa cesta e farol de man que se atopa cunha pequena ó rematar a súa xornada laboral.

Posteriormente á inauguración da estatua, as autoridades se achegaron ata ó local da asociación onde viron as interesantes pezas da historia ferroviaria da cidade que custodia AMAFER no seu museo e asinaron no libro de honra. Posteriormente, no local da “Fraternal”, sociedade emblemática e punto de encontro dos ferroviarios monfortinos, celebrouse unha emotiva homenaxe a 15 xubilados do sector. Recibiron unha placa conmemorativa por parte de AMAFER en agradecemento pola súa labor no sector ferroviario. Os homenaxeados son todos maiores de 80 anos, traballaron en Monforte e son, por diversos motivos, un exemplo a seguir.

Varias liñas de colaboración

A Deputación colabora con AMAFER, activa asociación de Monforte, que organiza numerosos actos de investigación e posta en valor do pasado ferroviario da cidade. A entidade conta cun pequeno museo con importante material do sector que amosa o pasado esplendoroso da cidade que chegou a contar con 2.000 traballadores do ámbito ferroviario. A Deputación destinou no último ano 6.000 euros para a execución das súas actividades entre as que se inclúen charlas, conferencias, investigacións e outras actividades de promoción. Ademais ambas entidades teñen abertas novas vías de colaboración para instituír uns premios a nivel autonómico que recoñezan o labor de persoas en prol do ferrocarril.