Deputación de Lugo

A Deputación converte ó Mazo de Santa Comba en autosuficiente enerxeticamente aforrando 20.000 euros ó ano na factura eléctrica

A instalación dunha turbina hidráulica permite o aproveitamento do caudal do río Chamoso, xerando a electricidade suficiente como para que o complexo etnográfico se autoabasteza durante todo o ano, excepto no veránO Presidente subliñou que esta medida de eficiencia enerxética, “enmarcada na nosa aposta por protexer o medio ambiente e baixar os gastos correntes”, súmase ó aforro de 123.000 euros anuais no gasto de luz acadado xa nas instalacións provinciais O organismo lugués tamén lles proporcionará gratis ós 37 Concellos que así llo solicitaron equipamentos cos que reducirán ata 20.000 euros ó ano o consumo de electricidade, “unha das principais cargas económicas para as arcas municipais”

A Deputación de Lugo converteu ó conxunto etnográfico do Mazo de Santa Comba nunha instalación autosuficiente enerxeticamente, aforrando deste xeito 20.000 euros ó ano na factura eléctrica destas dependencias. No marco da súa aposta polas enerxías renovables para conservar o medio ambiente e reducir custes, o organismo provincial instalou unha turbina hidráulica no mazo, un mecanismo que aproveita a enerxía cinética e potencial da auga do río Chamoso, que discorre a carón do complexo, producindo un movemento de rotación que a transforma en enerxía eléctrica.

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, supervisou este xoves a posta en marcha do equipamento, que xerará a electricidade suficiente como para que o complexo se autoabasteza durante a maior parte do ano. De feito, só será preciso o consumo de enerxía convencional excepcionalmente durante os meses de verán –de xuño a setembro- porque neste período o caudal do río baixa.

Gómez Besteiro destacou que esta nova medida enmárcase na aposta da Deputación pola eficiencia enerxética “para contribuír á protección do medio ambiente e reducir os gastos correntes”. Deste xeito, a iniciativa súmase ó aforro dun 25% ó ano -123.000 euros- no gasto de luz conseguido nas instalacións provinciais coa reforma do contrato da compañía subministradora.

Ademais, para que os Concellos se poidan beneficiar desta mesma vantaxe, o organismo lugués puxo en marcha dúas liñas de cooperación, tal e como lembrou o Presidente. Por un lado, proporcionará gratis ós 37 Concellos que así llo solicitaron equipamentos eficientes que lles permitirán reducir ata 20.000 euros ó ano o consumo de electricidade nas dependencias municipais, un aforro “moi importante, xa que esta é unha das principais cargas económicas” para as entidades locais, asegurou Besteiro.

Por outra banda, un equipo de profesionais da Axencia Provincial da Enerxía, dependente da Deputación, está a realizarlles ós 42 Concellos que así llo pediron un estudo personalizado e totalmente gratuíto sobre a facturación de todas as instalacións municipais co fin de que obteñan o máximo aforro no consumo eléctrico e eviten posibles situacións de abuso por parte das compañías. Con esta medida, a Deputación deu unha resposta áxil e eficaz ante as irregularidades na facturación denunciadas pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).

“Non se trata só de ofrecer servizos públicos, senón de facelo de maneira sostible, o que permite manter investimentos e prestacións nesta época de crise. Non podemos tomar medidas mirando só o curto prazo, senón o medio prazo”, recalcou o Presidente.

Capacidade da turbina

Coa instalación da turbina hidráulica no mazo de Santa Comba cuxo funcionamento supervisou hoxe Besteiro, a capacidade de produción pode chegar ós 312.000Kw ó ano, suficientes para abastecer ó 100% as necesidades enerxéticas das instalacións do complexo -destinadas fundamentalmente a alumeado, forza e sistema de calefacción- e tamén para vender unha parte á rede, ata 34 Kwh.

Esta turbina aproveita a forza da auga sen ter en conta as diferenzas de caudal, posto que pode aproveitar o paso de auga dende os 289 ós 1.700 litros por segundo. Deste xeito, o abastecemento enerxético necesario no complexo etnográfico do Mazo de Santa Comba está sempre asegurado. Hai que ter en conta, ademais, outros factores positivos: é totalmente “verde”; produce enerxía a temperatura ambiente –polo que non é necesario ter un sistema de refrixeración ou caldeiras-; non impide o aproveitamento da zona fluvial para outras actividades, como a pesca ou o baño; regula o caudal de auga, evitando así posibles asolagamentos, e non consume recursos, posto que toma auga nun punto e devólvea ó río integramente.

Novo recurso didáctico

Con estas actuacións, non só se subministra enerxía ó conxunto etnográfico, senón que, tendo en conta o feito de que a turbina permanecerá á vista, será un novo elemento de carácter didáctico, xa que os visitantes poderán observar o ciclo de aproveitamento da auga no pasado e no presente.

O Mazo de Santa Comba é un centro etnográfico dedicado á forza motriz da auga, no que se restaurou un conxunto de antiga maquinaria, de xeito que se poden observar en funcionamento diferentes enxeños movidos pola auga: a presa e as comportas, que cumprían a función de desviar a auga do río; unha pesqueira –canle para poder pescar facilmente-; un muíño con dúas parellas de pedras de moer de granito; un mazo, que xunto coa forza existente servían para traballar o metal; unha serra para cortar grandes pezas de madeira, e unha moa de afiar.

Pensando no respecto ó funcionamento de todos estes enxeños, a moderna turbina instalada conta cunha localización estratéxica, de xeito que non impida observalos, ademais de ter en conta outros criterios coma a integración no entorno e a non invasión do dominio público hidráulico.