Deputación de Lugo

A Deputación acolle unha xornada informativa sobre a conservación e o destino do Cuartel de San Fernando

A iniciativa foi inaugurada esta mañá no Pazo de San Marcos pola Deputada de Cultura, a Alcaldesa de Lugo e o Presidente da Asociación Lugo Patrimonio

A Deputada de Cultura, Artesanía e Deseño, Pilar García Porto, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, e o Presidente da Asociación Lugo Patrimonio, Adolfo de Abel Vilela, inauguraron este venres no Salón de Actos do Pazo de San Marcos a Xornada de información e debate sobre a conservación e destino do Cuartel de San Fernando.

García Porto subliñou que “todas as administracións temos a obriga de pór en valor o patrimonio público. Creo que debemos sumar esforzos para facelo máis público se cabe, buscando o mellor servizo para os nosos veciños. Por este motivo, dende a Deputación e o Concello de Lugo non dubidamos nin un só intre a nosa colaboración na organización desta xornada, sumando esforzo con todos vós”.

Para a Alcaldesa de Lugo é unha necesidade converter o Cuartel de San Fernando en Museo da Romanización de Galicia, polo que suporía para o desenvolvemento cultural e turístico dunha cidade “que cree que o turismo xoga un papel fundamental”. Así o manifestou a rexedora esta mañá na inauguración da xornada sobre o estado deste edificio, a quen lle agradeceu a asociación a posta en marcha desta iniciativa, “que contribúe a manter o que nos enriquece como cultura, o patrimonio”.
 
Méndez lembrou as obras que o Concello está realizando no cuartel, “para protexer este patrimonio e para asegurar a súa conservación e que non se dane a súa estrutura”, tras asinar un convenio coa Xunta de Galicia duns 190.000 euros, cofinanciados nun 50% polas dúas institucións. Nesta liña, a Alcaldesa fixo fincapé na existencia dun protocolo de actuación entre a entidade local e a autonómica, asinado no 2008, para o seu desenvolvemento, “que aínda non se levou a cabo, pero ao que non podemos renunciar”, posto que as inversións se poden facer por etapas, dedicando partidas anuais á súa rehabilitación.
 
Así mesmo, manifestou o deber moral de todas e cada unha das administracións, “aínda que unhas teñan máis responsabilidades que outras, polo que cada ten que asumir a parte que lle corresponde”, de protexer, conservar e pór en valor o patrimonio, como neste caso este edificio emblemático da cidade, que naceu no século XVIII como hospital de inválidos, e que no 2009 pasaba a ser declarado como Ben de Interese Cultural, “polo que non só é patrimonio da cidade de Lugo, senón que a Xunta de Galicia pasa a ter competencias no seu mantemento e conservación”.

Durante toda a xornada participaron doutores en Xeografía e Historia, arquitectos, museólogos, e representantes de asociacións culturais lucenses, que aportaron o seu punto de vista da situación actual do edificio.

Programación
- Ás 11:00 horas.- Conferencia de Adolfo de Abel Vilela, Doutor en Xeografía e Historia, Presidente de Lugo Patrimonio. "O Hospital de Inhábiles e cuartel de San Fernando. Orixe e destino". Presenta Julia Cantalapiedra Álvarez.

- Ás 12:30 horas.- Alberte González Rodríguez, Jorge Salvador Fernández, arquitectos, e Felipe Senén López, museólogo. "O que non se debe facer nun edificio BIC. Ideas e propostas para a rehabilitación do Cuartel de San Fernando para Museo Arqueolóxico". Presenta Adolfo de Abel Vilela

- Ás 17:00 horas.- Mesa redonda con representantes das asociacións culturais LugoPatrimonio, Asociación de Antigos Alumnos da Escola de Arte Ramón Falcón, Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, Orfeón Lucense, Asociación de Amigos do Castro de Viladonga e o Club Cultural Valle Inclán e Abre la Muralla. Presenta e modera a Vicepresidenta da Asociación LugoPatrimonio Branca Rodríguez Pazos.

- Ás 18:30 horas.- Felipe Arias Vilas, museólogo. "Como debe ser o Museo Arqueolóxico Galaico Romano". Presenta Carolina Casal Chico.

- Ás 20:00 horas.- Lectura das conclusións e clausura da xornada pola Deputada de Cultura da Deputación Provincial.

Lugo Patrimonio
Os obxectivos da asociación lucense son a defensa, promoción e uso do idioma galego no camiño da súa normalización; a defensa do Patrimonio material e inmaterial recollido este no seu sentido máis amplo e dentro do territorio da provincia de Lugo; a
promoción e realización de actividades encamiñadas á súa divulgación e xeral coñecemento.

Ademais unha das finalidades de Lugo Patrimonio, é a búsqueda de solucións e proxectos que axuden a resolver o esquezo e deterioro do patrimonio. Ao ter carácter provincial, a asociación realiza actos por toda a provincia en colaboración, sempre, coas entidades locais, de tipo cultural, de defensa do patrimonio ou calquera outro, que estean interesadas na difusión e conservación do patrimonio.