Deputación de Lugo

O CENTRAD leva os seus artesáns ó centro do Viño da Ribeira Sacra

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, presentou esta actividade que achegará a Monforte oleiros, cesteiros e artesáns do textil e madeiraO Centro do Viño da Ribeira Sacra acollerá nas mañás dos sábados varias demostracións de artesánsA Asociación profesional de artesáns Terras de Lemos colabora coa iniciativa que pon en valor o traballo dos artesáns da provincia

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, presentou esta mañá os Sábados artesáns do Centro do Viño da Ribeira Sacra. Nesta actividade colabora a Deputación achegando ata Monforte demostracións en vivo de varios artistas da provincia. Trátase dunha colaboración entre o Centro de Artesanía e Deseño da Deputación, a Asociación Profesional de Artesanos Terras de Lemos e o Centro do Viño da Ribeira Sacra.

Esta mañá responsables das entidades involucradas na iniciativa presentaron o programa de actos. A Deputada de Deseño e Artesanía destacou a importancia deste tipo de colaboracións para a posta en valor da artesanía típica da provincia, ofrecéndolles ós visitantes do Centro do Viño a posibilidade de ver en directo unha mostra do traballo que desenvolven artesáns de diferentes campos.

Na presentación participou o responsable da empresa encargada do Centro do Viño, José Ramón Martínez Mareque, quen agradeceu a colaboración da Deputación e máis da Asociación profesional de Artesáns Terras de Lemos, ó tempo que se amosou convencido do éxito da convocatoria. Pola súa banda a presidenta da Asociación de Artesáns Terras de Lemos, Pilar Rodríguez, insistíu na oportunidade que supón para os artesáns amosar ó público o seu traballo nun espazo como o Centro do Viño. Dende o concello, a concelleira de Promoción Económica, Mª José Vega Buján, destacou a importancia da colaboración entre entidades para fomentar a economía local.

Os Sábados Artesanos no Centro do Viño da Ribeira Sacra permitirá desfrutar no patio do Centro do Viño de diversas exhibicións de artesáns. A primeira delas terá lugar este mesmo sábado, 27 de xullo, e estará dedicada ós cesteiros. Nesta primeira cita participarán os artesáns Mª Belén Rodríguez e María Otero. O programa continúa o sábado día 3 de agosto cunha demostración en vivo de oleiría da man de Elías Prieto e Tomás López. O sábado 10 de agosto será a quenda dos artesáns da madeira Mónica Rodríguez e Marcos Ladra e pecharán o programa de exhibicións o sábado 24 de agosto as artesás do téxtil Pilar Rodríguez, Mª Dolores López, e Susana Pilar Arias.

No programa de exhibicións participan tanto artesáns da zona como é o caso de Elías Prieto, Dolores López ou Pilar Rodríguez como mestres doutros lugares que presentarán técnicas e produtos non tan coñecidos na Zona Sur. O CENTRAD pretende deste xeito achegar a artesanía a tódolos lucense para que coñezan os traballos tradicionais que se realizan por toda a xeografía lucense.