Deputación de Lugo

Os 4.600 veciños da Fonsagrada contan cun novo Consistorio coa aposta de Deputación e Concello polos servizos públicos de calidade no rural

O Presidente, acompañado polo Acalde e ducias de veciños, inaugurou a Casa Consistorial que substitúe á existente, que era a máis pequena e antiga da provincia con 150 anosSitúase na Praza do Museo, que contará con acceso gratis á Internet co Innova-TE, preto do centro museístico, o Parque da Portela, da residencia e centro de día pública e o 1º centro público en Galicia de despeces cinexéticas, dando unha nova imaxe ó municipioConta cunha caldeira de biomasa que, xunto co material enerxético que se instalará na rede do alumeado, permitirá un aforro anual do 40% nas facturas pola luz e calefacción do Concello

O Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, xunto ó Alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, o Subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, o Xefe Territorial de Vicepresidencia da Xunta, Xosé Manuel Rozas Bello, e ducias de veciños, inaugurou este mércores a nova Casa Consistorial deste municipio que construiu o organismo provincial en substitución da existente, que era a máis pequena e máis antiga da provincia con 150 anos de existencia. A Deputación dota ós 4.600 veciños deste Concello, o máis extenso de Galicia, dun Consistorio accesible, amplo, funcional e sostible, con 1 millón de euros, dentro da súa aposta polos servizos públicos de calidade no rural. Gómez Besteiro salientou que “cumprimos un soño que naceu no 2008, cando abordei co alcalde facer unha Casa Consistorial. Prantexámonos moitas cuestións, se era o momento de facer estas instalacións ante a crise económica... pero isto non nos pode roubar o noso futuro, o das xeneracións presentes e futuras da Fonsagrada, que por fin contan cunhas instalacións públicas de calidade. Este consistório é a casa de todos os fonsagradinos, a imaxe do orgullo de ser desta comarca e o valor do público”.

Pola súa banda o alcalde agradeceu ó presidente da Deputación o seu esforzo e destacou “que este proxecto vai ser a referencia dentro da Vila da Fonsagrada. Con estas instalacións se fai unha homenaxe a todos aqueles que durante a democracia traballaron para que este concello conte con servizos de calidade poñendo fin á discriminación que os habitantes desta zona viñamos sufrindo e facendo que nós tamén sexamos veciños de primeira”.

Nova imaxe do municipio

A Casa Consistorial sitúase na Praza do Museo, que contará con acceso libre e gratuito a Internet antes de finais de ano grazas ó Innova-TE, moi preto do centro museístico, do parque A Portela, así como da residencia e centro de día público e do primeiro centro público de despece de carne de caza en Galicia que está a executar o organismo provincial. Con estas instalacións, Deputación e Concello poñen en valor unha das zonas máis importantes do núcleo urbano desta localidade, dando unha nova imaxe ó municipio.

O Consistorio emprázase nunha parcela de 1.070 metros cadrados, dos que 785 están ocupados por dita infraestrutura. Dispón de tres prantas útiles: unha baixa de 279 m2, a primeira de 202, a segunda de 95 e unha baixa cuberta de 69. Conta con novo mobiliario e material informático tamén do Innova-TE, precisamente, para facilitiar a implantación da administración electrónica que está a levar a cabo a Deputación co seu programa tecnolóxico.

Aforro enerxético

O organismo provincial dotou á Casa Consistorial dunha caldeira de biomasa con fondos europeos do Lug02, ó tempo que, tamén con esta mesma programación, nas vindeiras semanas instalará novos compoñentes enerxéticos no sistema da luz do Consistorio e no alumeado público municipal, acadando un aforro anual do 40% nos gastos enerxéticos do Concello. Co novo sistema de calefacción, que evitará a emisión á atmosfera de 24,1 toneladas anuais de CO2, búscase ademais un efecto exemplarizante da administración pública para o fomento do sector da biomasa neste Concello, cabeceira da comarca da Montaña, e atraer empresas dedicadas a esta actividade. Serán 150 lámpadas de baixo consumo, un redutor de fluxo luminoso, dous descargadores e 3 reloxos astronómicos, os materiais eficientes que se implantarán no Consistorio e na rede do alumeado público municipal, reducindo a factura da luz en 7.000 euros ó ano.

Estas actuacións –a dotación da caldeira de biomasa e a de materiais de iluminación- enmárcanse na estratexia da Deputación de cooperar cos Concellos para que poidan aforrar no gasto enerxético en dependencias municipais, tendo en conta que esta é unha das súas principais inquietudes, e que a factura eléctrica suponlles unha gran carga económica. Hai que ter en conta, que un municipio medio da provincia -de 5.000 habitantes- paga ó redor de 200.000 euros ó ano só pola electricidade.

Máis servizos na Fonsagrada

Xunto ó investimento para a posta en servizo da nova Casa Consistorial, e a dotación de materiais de aforro enerxético, a Deputación está a acometer na Fonsagrada outras importantes actuacións que xogan un papel decisivo para o desenvolvemento económico e o benestar dos veciños deste municipio e de toda a comarca da Montaña. Trátase, por un lado, do primeiro centro público en Galicia de despeces cinexéticas, ó que destina 300.000 euros e que supoñerá todo un revulsivo económico para a zona mediante o impulso dos produtos cinexéticos; e, por outro, a residencia da terceira idade, na que a Deputación inviste 2,1 millóns de euros. Situada no edificio da Fundación Rois de la Peña, contará con 1.673 metros cadrados de superficie, e disporá de 24 prazas de residencia e 30 de centro de día.

Desenvolvemento do acto

No acto tamén participaron exalcaldes e membros de anteriores corporacións municipais ós que se lles rendíu homenaxe coa entrega de distintos recordos conmemorativos. O párroco de Santa María, Ramón Rodríguez Mondelo, foi o encargado de bendicir a Casa Consistorial. O grupo Cantaruxas e Solteiros interpretou o himno nacional e o himno galego así como dúas pezas de bailes rexionais: xota de Cervantes e Muñeira do Incio.