Deputación de Lugo

A Deputación financia máis de 240 melloras nas prestacións públicas do rural nos 67 Concellos, aforrándolles cartos

Imaxe deputación de lugo
A institución suma un aforro superior ós 100.000 euros ós primeiros 9 Concellos ós que lle instalará gratis novos compoñentes enerxéticos para reducir os gastos pola luzO xustiza desestima a demanda do PP no Valadouro para anular o Pleno da toma de posesión da nova corporación municipal, obrigando ós populares a pagar as costas do xuízoAprobado en Xunta de Goberno o informe xurídico sobre as irregularidades dos Concellos de Guitiriz, Folgoso do Courel e Quiroga na contratación do persoal para os GES

A vicevoceira provincial socialista, Pilar García Porto, deu conta este venres da celebración esta mesma mañá da comisión de valoración das subvencións do Plan de Comunidades Veciñais para 2013, na que participaron todos os grupos políticos con representación na corporación provincial, e na que se acordaron as axudas que a Deputación concede este ano, e mediante esta iniciativa, a melloras nas prestacións públicas no rural. García Porto adiantou que foron aprobadas un total de 243 subvencións, para colectivos dos 67 Concellos da provincia, dotadas de 2 millóns de euros, financiados ó 100% polo organismo provincial. “Polo tanto, asumimos os custes de 243 pequenas obras, aforrando cartos ás arcas municipais, xa que de non ser por este Plan os Concellos terían que financialas”.

A Deputada avanzou que destas actuacións o 40% consisten no acondicionamento de vías e accesos rurais, preto do 20% en melloras de locais socias, un 15% no arranxo de traídas e captacións de agua, mentres que un 10% serán dotacións de espazos verdes. O vindeiro venres, a Xunta de Goberno Provincial ratificará o Plan de Subvencións de Comunidades Veciñais para 2013 para, a continuación, facelo público, ó acceso de todos os cidadáns.

Máis de 100.000 euros de aforro

Máis de 100.000 euros de aforro na factura enerxética ós primeiros 9 Concellos ós que se dota de 3.550 novos compoñentes para reducir os gastos pola luz. É o resultados das 3 contratación de material enerxético levadas a cabo pola Deputación ata o de agora. A última, foi aprobada na Xunta de Goberno deste venres. Trátase da adquisión de 1.050 compoñentes para o alumeado público e as Casas Consistorias de Pedrafita, Negueira de Muñiz e Barreiros, cos que se acadará un aforro anual na factura eléctrica destes Concellos de 31.467 euros. A institución adica a esta contratación 64.159 euros, financiados nun 80% por fondos europeos. García Porto destacou que “esta é a terceira adxudicación conxunta de equipamento enerxético que realizamos logo de contratar outros 2.500 compoñentes para Abadín, A Fonsagrada, O Incio, Cervantes, Pol e Samos, cos que reduciremos os gastos enerxéticos destes municipios en 76.000 euros ó ano. É dicir, sumamos xa un aforro de máis de 100.000 euros ós primeiros 9 Concellos onde instalaremos gratis novo material enerxético para reducir as súas facturas”.

Esta actuación é unha nova medida de cooperación cos municipios que a Deputación ofreceu a todos os Concellos da provincia e que, de xeito voluntario, aceptaron 37 municipios lugueses do chamado Club dos Renovables. Este proxecto, a custe cero para os Concellos grazas ós fondos europeos do Lug02, consta de 2 partes: unha primeira, xa completada, que consistiu na realización de auditorías nestes 37 municipios para determinar en que puntos, e con que equipamentos, se pode reducir o consumo enerxético en dependencias municipais. Asumindo o custe das auditorías, a Deputación aforrou 10.000 euros a cada entidade local, que é o prezo destes traballos no mercado, sumando un primeiro aforro de 370.000 euros ás entidades locais. A segunda fase consiste na dotación dos compoñentes de eficiencia enerxética que as auditorías determinan para rebaixar o gasto eléctrico. “É dicir, os Concellos adheridos ó plan da Deputación benefícianse de tres grandes vantaxes: aforran o gasto das auditorías; aforran o gasto dos equipamentos técnicos; e conseguen importantes aforros económicos na súa factura eléctrica”, destacou García Porto.

Pago de costas

Na sesión deuse conta dunha sentenza que desestima a demanda do Partido Popular no Valadouro, na que esta agrupación solicitaba a suspensión do Pleno no que tomou posesión a nova Corporación Municipal, por non lle ser notificado con maior antelación a data do mesmo. Ante esta situación, o Concello solicitou asistencia xurídica á Deputación, evitando contratacións externas para súa defensa e aforrando cartos. “A xustiza da á razón ó Concello, desestimando a demanda e obrigando ó PP a pagar as costas do caso, que poderían ascender ós 700 euros, aínda que é unha cuestión que determinará posteriormente a xustiza”, explicou a Deputada.

Irregularidades GES

Deuse conta á Xunta de Goberno do informe da Asesoría Xurídica sobre o incumprimento do convenio dos GES por parte dos Concellos de Folgoso do Courel, Guitiriz e Quiroga. Concellos e asociaciones denunciaron graves irregularidades nos procesos de selección do persoal destes municipios, notificándoos á Deputación por escrito. Isto motivou, en primeiro lugar, que o organismo provincial puxese en coñecemento da Xunta estas denuncias. Posteriormente, ante a ausencia dunha resposta por parte da Conselleira de Presidente que é a responsable última dos GES, a institución luguesa esixise a reunión da Comisión de Seguimento. García Porto destacou que “nestes encontros, o Goberno galego recoñeceu graves irregularidades na contratación dos GES en Guitiriz, Quiroga e O Courel, irregularidades que tamén foron recoñecidas polos propios Alcaldes destes Concellos. Nembargantes, a Xunta decidiu avalalas, e non obrigar a estes municipios a facer unha rectificación cun novo proceso de selección de persoal para os GES, axuntándose á lei. A Deputación ten moi claro que non vai a pagar nada ilegal polo que non financiará os GES de Guitiriz, Quiroga e O Courel. Facelo, significaría apoiar graves irregularidades como, por exemplo, que Guitiriz alterare as bases dun proceso de contratación de persoal público; ou que Quiroga e Folgoso do Courel celebrasen concursos de méritos cos que se contratou á irmá da Alcaldesa do Courel, un primo carnal do seu marido, entre outras persoas afíns ó Partido Popular. Non vamos a avalar isto en ningún caso”.