Deputación de Lugo

A Deputación encarga ó Decano do Colexio de Economistas e Auditores de Lugo a auditoría que analizará a situación real do Breogán

Imaxe deputación de lugo
Este traballo permitirá coñecer o valor patrimonial do club, o estado das súas contas e, finalmente, o valor das accións do organismo provincial antes de seguir avanzando na saída progresiva do accionariado

A Deputación contratou unha auditoría independente para coñecer, exactamente, o valor patrimonial do Breogán, o estado das súas contas e, finalmente, o custe real das accións do organismo provincial. Na Xunta de Goberno deste vernes deuse conta da adxudicación destes traballos ó Decano do Colexio de Economistas e Auditores de Lugo por valor de 9.680 euros. Trátase da entidade do mesmo profesional, tamén secretario do Consello de Economistas de Galicia e membro do Consello Xeral de España que, anteriormente, colaborou coa institución luguesa en procesos complexos pero exitosos como a disolución da Fundación Tor. Xunto ó seu equipo multidisciplinar, será o encargado de definir a situación obxectiva e independente do club.

O Goberno Provincial fai unha chamada á responsabilidade e á tranquilidade, ante as informacións interesadas que se están a realizar sobre o club lucense, e remarca que todas as decisións que adopte a Deputación sobre o Breogán sempre se axustarán á legalidade, e se tomarán tras coñecer, con exactitude, a situación actual do club, precisamente, grazas á contratación desta auditoría. É momento da avaliación técnica e rigorosa para despois poder executar a vontade política da Deputación de saír do accionariado de calquera club a medio prazo, xa que isto non debe ser a prioridade de ningunha administración pública.

O organismo provincial garante a súa colaboración ós clubs deportivos para o que profundizará nos criterios obxectivos que marcan estas subvencións.