Deputación de Lugo

A Deputación presenta un libro que recolle a bibliografía da Terra Chá

O Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, e o autor, Xenaro Pérez López, dan a coñecer, este libro que publica a Deputación“A Chaira vista polos chairegos” é unha escolma dos textos que foron editados ou reeditados entre 1940 e 1975O libro inclúe información sobre as referencias bibliográficas ós 9 Concellos que conforman a comarca chairega

A Deputación presenta o libro “A Chaira vista polos chairegos”, de Xenaro Pérez Gómez. O Presidente Gómez Besteiro deu a coñecer esta publicación, que é unha escolma de libros reeditados ou escritos entre os anos 1940-1975 sobre esta ampla comarca da provincia de Lugo. O libro fai referencia ós 9 concellos da comarca, polo que na súa presentación estiveron presentes alcaldes e outras autoridades de toda a provincia. Asociacións veciñais e culturais, así como persoeiros da política e da vida cultural de toda a provincia.

O máximo mandatario provincial destacou na presentación o valor do traballo de divulgación que fai o autor con este libro e o seu esforzo e tenacidade por recompilar datos da súa comarca. Segundo Gómez Besteiro “con este libro Xenaro Pérez demostra o amor que sinte pola súa terra, da que estivo separado moito tempo por motivos laborais”. O presidente da Deputación destacou do libro á vertente social dos textos que axuda a entender o cambio que vivíu a comarca chairega entre 1940 e 1975. A través das observacións do autor compréndense mellor os cambios na natureza chairega -a transformación da paisaxe-, na economía –co paso dunha economía de autoabastecemento a unha economía de mercado total e global-, os cambios na cultura -valores, lingua galega, relixións e innovacións- e a reorganización destes elementos co paso do tempo.

O presidente leu ademais unha carta da deputada chairega, Regina Polín, quen non puido asistir á presentación por ter unha viaxe fóra que lle impedíu chegar a tempo. No escrito agradeceulle ó autor que plasmase no libro a cultura, a paisaxe, o patrimonio e os costumes da zona e a súa evolución desta comarca lucense.

Este traballo de divulgación recolle en cada texto unha breve reseña biográfica do autor, un resumo e comentario do contido. Nalgúns casos tamén se inclúe unha mostra literal dos textos.

Xenaro Pérez agradeceu á Deputación a oportunidade de publicar este libro ó que lle dedicou varios anos de traballo e que lle supuxo un gran esforzo. O autor asegura que o cariño á súa terra foi o motor da súa tenacidade.

O libro comeza cun limiar de intencións, segue cunha achega xeral á Terra Chá do século XIX e con algúns datos e hipóteses sobre os cambios sociais ocorridos na comarca chairega durante a segunda metade do século XX. Despois dalgunhas conclusións sobre o período de 1940-1975, o libro remata cunha homenaxe ó sociólogo Bernardo G. Cendán, na que se esbozan unha serie de cuestións sociolóxicas sobre A Chaira.

Xenaro Pérez é un chairego xubilado que vivíu e traballou 35 anos en Madrid. A idea de facer este libro xurdíu duns cursos de Doutoramento que fixo na Universidade Complutense. Xunto con outros compañeiros realizou un traballo de comparación das comarcas de Galicia, encargándose el da Terra Cha. Naquel momento a investigación quedou sen finalizar, pero no momento que Xenaro Pérez se xubilou retomou a idea e pensou en aproveitar toda a documentación xerada no estudo. Grazas ó apoio da Deputación agora foi posible a súa publicación para que o público xeral poida acceder ó seu traballo.

Un segundo volume

O autor xa está a pensar nun segundo volume que recolla os textos reeditados ou creados durante a democracia. Esta documentación non se puido incluír neste primeiro volume posto que sería demasiado grande. O autor tamén considera que a temática diferenciada merece un volume aparte xa que coa chegada da democracia se amplía o abano de temas. O segundo libro sobre A Chaira estará listo para o ano que ven ou para 2014, a máis tardar.