Deputación de Lugo

A Deputación colabora un ano máis coa organización da Festa da Empanada de Chantada

A institución provincial impulsa novamente este evento gastronómico organizado polo Concello de Chantada, un dos máis coñecidos da provincia A cita terá lugar o vindeiro martes 27 de agosto e supón un destacado peche a seis días de celebracións con motivo das Festas Patronais da localidade chantandina

O Deputado de Cooperación cos Concellos, Álvaro Santos, e o Presidente da Comisión de Festas, Diego Otero Veiga, presentaron esta maña nos xardíns da Deputación unha nova edición da Festa da Empanada de Chantada, coa que colabora un ano máis a institución provincial. O evento celébrase o vindeiro martes, día 27 de agosto, no campo de San Lucas. O organismo provincial fai unha achega económica de 3.000 euros, fundamentais para esta celebración, que goza de grande aceptación e popularidade entre o público galego e, en particular, entre o lucense.

Álvaro Santos subliñou que “a Deputación colabora activamente con estes eventos gastronómicos, xa que se da difusión á calidade dos produtos autóctonos, ó tempo que se lle brinda unha actividade atractiva a lucenses e visitantes”. O Deputado tamén destacou que esta festa “é un importante pulo á economía local, posto que se favorece a afluencia de público chegado dende diferentes puntos da xeografía lucense e galega”.

Pola súa banda, Diego Otero destacou que “é unha festa de tradición e cultura”, que “se leva celebrando dende hai moitos anos.” Otero tamén quixo agradecerlle a Deputación a súa colaboración e o trato que a Comisión de Festas recibiu por parte do ente provincial.

Peche das festas patronais
A xornada da Festa será o sexto día de celebracións patronais na localidade, entre as que destaca a carreira de “Motos-Plásticas”, os campionatos de fútbol “Trofeo Cafés Penela”, o “Trofeo de Chantada” e o “Trofeo ICOS”, que serven como peche da semana grande da vila. O evento comeza o martes día 27 e o Concello de Chantada pón a disposición das persoas que se acheguen ata alí, autobuses que irán, cada 10 minutos, dende o centro da localidade ata o Campo de San Lucas, que vén de ser acondicionado recentemente polo Concello. As familias que ata alí se acheguen poderán levar a súa comida, na que non faltará o prato estrela : a empanada. Aínda que, se así o prefiren, poderán desfrutar tamén dos menús típicos das romarías, nos postos de churrasco e polbo. A sobremesa estará amenizada pola charanga Garrafón.com e polo grupo de gaiteiros “Os Barrios”. Pola noite, a verbena correrá da conta da Orquestra Israel, na Praza de Santa Ana.