Deputación de Lugo

A Deputación consegue da Unión Europea un novo programa de bolsas Leonardo da Vinci para 2014 pola súa boa xestión de fondos

García Porto denunciou a responsabilidade da Xunta no peche de Alimentos Lácteos, desentendéndose “das preto de 1.000 familias lucenses que dependían desta planta”O Xulgado vén de ditar unha nova sentenza firme a favor da Deputación na reclamación de responsabilidade patrimonial por danos nun vehículo provocados por fauna salvaxe

A vicevoceira provincial socialista, Pilar García Porto, adiantou este venres que a Deputación ofrecerá en 2014 outras 50 bolsas de formación en Europa para mozos lucenses titulados que se atopen en situación de desemprego e busquen mellorar idiomas, coñecementos e contactos para poder traballar posteriormente en España. A Unión Europea premia deste xeito a boa xestión dos fondos comunitarios que a institución provincial vén levando a cabo neste eido e que leva permitido a máis de 200 mozos adquirir formación e completar os seus coñecementos en empresas de diferentes países europeos para obter un traballo no seu país de orixe.

Outro medio cento de titulados lucenses poderán completar a súa formación en empresas de Austria, Italia, Portugal, República Checa, Reino Unido e Irlanda, entre outros, grazas á esta nova convocatoria. A memoria deste proxecto, cun valor de 230.000 euros –dos cales 153.000 son fondos comunitarios-, foi aprobada hoxe en Xunta de Goberno. Con estas novas bolsas, serán máis de 200 os mozos que en apenas dous anos completaron a súa formación, acorde coas súas titulacións relacionadas con sectores coma a os da agricultura, pesca, silvicultura, protección do medioambiente, turismo, informática, ciencias da vida, innovación ou deseño.

García Porto avanzou que a posta en marcha deste tipo de iniciativas, destinadas a combater o paro xuvenil. Precisamente nos vindeiros meses, comezará a proceso de selección dos 50 mozos que se formarán en Europa coa convocatoria 2013.

Peche de Alimentos Lácteos
García Porto trasladou o pesar e a indignación do goberno provincial ante o peche da planta de Alimentos Lácteos, ubicada en Outeiro de Rei, e ante a que “Núñez Feijóo e o seu equipo de goberno volverán lavar as mans, malia ser directamente responsables da situación das preto de 1.000 familias lucenses que vivían da actividade de Alimentos Lácteos”.

A Deputada subliñou que o peche da planta “é a crónica dunha morte anunciada, provocada pola nula capacidade de xestión da Xunta de Galicia”. Logo de que o executivo autonómico desoíse no 2010 as voces, entre as que estaba a da Deputación de Lugo, que propoñían a que sería “a gran unión do cooperativismo gandeiro galego”, a unión de ata 24 cooperativas nun proxecto que aproveitaba a capacidade total de produción da que era a fábrica máis moderna de Galicia. Finalmente, a Xunta decidiu unilateralmente apostar por “unir 11 cooperativas do seu agrado” atendendo, segundo subliñou García Porto, “a criterios máis ou menos espúreos, entre os que, dende logo, non estaban nin a viabilidade do proxecto nin o interese xeral”.

García Porto destacou que ante a “discriminación continua” que sofre a provincia de Lugo por parte da Xunta de Galicia, na Deputación “seguiremos a traballar para facer do principal motor económico desta provincia un sector punteiro; seguiremos adiante coa construción do 1º centro público de recría, seguiremos adiante na loita de conseguir que os nosos gandeiros cobren polo leite o que realmente vale, con ou sen o apoio da Xunta”

Outros asuntos
Na mesma Xunta de Goberno deuse conta doutros asuntos, coma a comunicación de dúas sentencias firmes a favor da Deputación, coma a que desestima a reclamación responsabilidade patrimonial da Deputación polos danos causados nun vehículo, tras a irrupción dun xabarín na estrada provincial CP-4711, de Pino a Pacios de Veiga, no Concello de Pobra de Brollón, e na que o Xulgado do Contencioso-Administrativo estima que a institución provincial non é, de ningún xeito, responsable dun feito totalmente imprevisible por non ser dita estrada paso habitual de fauna salvaxe.