Deputación de Lugo

A Deputación revaloriza o Centro de Interpretación Terras do Miño acadando máis de 700 visitas no que vai de ano

Unha programación chea de actividades adoita esgotar as prazas dispoñibles atraendo a público de variadas idades e gustos ás instalacións e a contorna do río Rato A ruta nocturna A natureza e o mito, que se celebra coincidindo coa lúa chea do 21 de agosto, ensinará ós asistentes a relación entre a natureza e a mitoloxía galegaOs interesados en participar nesta actividade gratuíta que comezará ás 22:00 horas no Centro de Interpretación poden inscribirse en www.deputacionlugo.org

A Deputación de Lugo aposta por poñer en valor da riqueza natural da provincia, en especial a dos territorios incluídos nas Reservas da Biosfera, a través de diferentes iniciativas organizadas nas instalacións do Centro de Interpretación Terras do Miño.
Este Centro, situado na contorna do río Rato ó seu paso pola capital da provincia, leva acadada a participación de máis de 700 persoas de todas as idades e gustos, grazas a unha variada programación coa que a Deputación está a facer do Centro de Interpretación un punto de referencia na divulgación e formación medioambiental.

Os cursos, de marcado carácter práctico, sobre hortos ecolóxicos ou o cultivo de plantas medicinais; exposicións; monólogos de humor, ou conferencias a cargo de reputados expertos son algunhas destas actividades gratuítas que, xunto coa ampliación do horario de apertura do Centro, teñen contribuído a que cada vez máis lucenses e foráneos saiban do patrimonio natural lucense e aprendan condutas respectuosas co medioambiente, imprescindibles para a posta en valor da riqueza medioambiental da provincia.

A natureza e o mito
A natureza e o mito é a actividade prevista para esta semana. O día 21 de agosto, a partires das 22:00 horas, e coincidindo nunha noite de lúa chea, celébrase esta iniciativa, que levará ós participantes a facer diferentes percorridos nocturnos pola contorna do río Rato, nos que guías expertos na materia amosarán as relacións entre os elementos da natureza da zona e as crenzas vencelladas á mitoloxía popular galega. Isto será posible grazas a diferentes xogos e actividades lúdicas, o relato de vellos contos e lendas, etc., baixo a luz do luar.

Os interesados en participar nesta actividade gratuíta, pensada para adultos, poden inscribirse na web www.deputacionlugo.org, cubrindo un pequeno formulario. Nesta mesa web poderán atopar máis información sobre esta e outras actividades programadas.