Deputación de Lugo

Viveiro e Monforte desfrutarán esta fin de semana das actividades gratuítas de Lugoteando

Imaxe deputación de lugo
Para se apuntar en actividades como paddle surf, longskates, ou o simulador de surf, ou só compre entrar na páxina www.deputacionlugo.org e cubrir un pequeno formulario Lugoteando continuará por outras localidades da provincia como Foz, Vilalba e Lugo

A Deputación leva a súa proposta de actividades lúdicas do programa Lugoteando ás localidades de Viveiro e Monforte de Lemos, o día 10 e 11 de agosto, respectivamente, onde se poderán practicar multitude de actividades de carácter lúdico e deportivo. A programación inclúe actividades como paddle surf, que consiste en desprazarse sobre unha táboa de surf axudándose dun remo; un simulador de surf, co que as persoas poden saber o que se sinte ao cabalgar sobre as olas; ezy roller, o patinete que está a triunfar nas grandes cidades; skates a motor; longskates, unha variante do skate, algo máis longo do habitual; bolas acuáticas e patinetes acuáticos, ideais para os máis pequenos. A oferta de ocio está deseñada para nenos e familias, e desenvolverase de 15:00 a 20:00 horas.

Máis prazas
As últimas prazas aínda están a disposición dos interesados na páxina web www.deputacionlugo.com, ou no teléfono de contacto 982 260 147. Nesta dirección tamén se pode apuntar un para seguintes actividades que a Deputación ten preparadas para realizar ó longo dos meses de agosto e setembro. As seguintes citas serán en Foz e Vilalba, o 17 e 18 de agosto, respectivamente. A boa acollida desta iniciativa nos diferentes Concellos onde se desenvolven as actividades leva á Deputación a continuar xerando esta oferta de ocio.

O Medio Ambiente, xerador de riqueza
A Deputación aposta polos recursos fluviais e litorais da provincia como oportunidades económicas. Lugoteando é unha das actividades que organiza durante todo o ano, potenciado o turismo e o ocio medioambiental, e xerando riqueza. Esta é a 4º edición desta programación, que foi todo un éxito nas anteriores convocatorias grazas á participación de milleiros de persoas que desfrutaron das actividades e que contribuíron a impulsar establecementos lucenses de diferentes sectores (dende os de multiaventura ós da hostalería), mantendo postos de emprego, especialmente no rural, e axudando a fixar poboación.