Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación participará no acto de homenaxe ós ferroviarios organizado por AMAFER

Imaxe deputación de lugo
Este domingo descubrirase unha escultura para conmemorar os 130 anos da apertura da Estación de Ferrocarril en Monforte e se homenaxeará a 15 xubilados do sectorOs actos están organizados por AMAFER, entidade que conta co apoio da Deputación para desenvolver a súa labor de promoción e posta en valor do pasado ferroviario da cidadeA Deputación solicita da Xunta o compromiso para rematar as infraestruturas necesarias para que Monforte se converta en referente no tráfico de mercadorías

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, participará mañá domingo nos actos organizados pola Asociación de Amigos do Ferrocarril de Monforte (AMAFER) para conmemorar os 130 anos de apertura da estación de tren desta localidade.

Na praza da Estación, nun barrio emblemático de ferroviarios, descubrirase unha escultura para homenaxear ós traballadores do sector na cidade. A estatua estará ubicada na glorieta que se atopa fronte ás instalacións da estación e o local de AMAFER, moi preto do busto de Pablo Iglesias. Ó acto tamén asistirán autoridades locais e membros da asociación.

A Deputación colabora con AMAFER, activa asociación de Monforte, que organiza numerosos actos de investigación e posta en valor do pasado ferroviario da cidade. A entidade conta cun pequeno museo con importante material do sector que amosa o pasado esplendoroso da cidade que chegou a contar con 2.000 traballadores do ámbito ferroviario. A Deputación destinou no último ano 6.000 euros para a execución das súas actividades entre as que se inclúen charlas, conferencias, investigacións e outras actividades de promoción. Ademais ambas entidades teñen abertas novas vías de colaboración para instituír uns premios a nivel autonómico que recoñezan o labor de persoas en prol do ferrocarril.

Os organizadores teñen previsto que as autoridades fagan unha rápida visita ó local da asociación e deixen constancia da súa asistencia no libro de honra. Posteriormente, no local da “Fraternal”, sociedade emblemática e punto de encontro dos ferroviarios monfortinos, terá lugar a homenaxe ós xubilados do sector. Unha quincena de xubilados ferroviarios recibirán unha placa conmemorativa por parte de AMAFER en agradecemento pola súa labor en prol do progreso na cidade. Esta é a terceira homenaxe deste tipo que organiza AMAFER despois de realizar a primeira co gallo do 125 aniversario da chegada do ferrocarril á cidade. Os homenaxeados son todos maiores de 80 anos, traballaron en Monforte e son, por diversos motivos, un exemplo a seguir.

Reivindicación de infraestruturas

A Deputación considera o acto deste domingo unha importante oportunidade para reivindicar a dotación de infraestruturas para que a cidade recupere o seu esplendor ferroviario converténdose en nó loxístico e referencia no transporte de mercadorías. Para conseguilo, insisten dende a Deputación é imprescindible o compromiso da Xunta para rematar a urbanización do Porto Seco e as conexións por estrada coa N-120 e o corredor Monforte-Lugo.

Escultor de obras ferroviarias

Felipe Hoyos é un autor da escultura homenaxe ós ferroviarios que será descuberta este domingo. O artista leonés xa conta con outras obras dedicadas á temática ferroviaria. A obra que lucirá en Monforte está realizada en pedra sintética e amosa un traballador do ferrocarril coa cesta e farol de man que se atopa cunha pequena ó rematar a súa xornada laboral.