Deputación de Lugo

A Deputación esixe explicacións á Xunta pola discriminación á provincia nos obradoiros de emprego

A provincia de Lugo é a que menos obradoiros, menos alumnos e menos orzamentos recibe da Xunta de GaliciaA Vicepresidenta segunda, Lara Méndez, denunciou que á discriminación sanitaria e de servizos sociais que sofre a provincia hai que sumarlle agora esta nova exclusión en materia de empregoA Xunta premiou ós concellos do Partido Popular, discriminando inxustificadamente outras poboacións e á Deputación

A vicepresidenta segunda da Deputación, Lara Méndez e a Deputada de Economía, Pilar García Porto, esixiron en rolda de prensa explicacións inmediatas á Xunta pola concesión de obradoiros de emprego para o ano 2013.

A Consellería de Traballo anunciou hai uns días que a provincia de Lugo acollería 9 obradoiros de emprego dos que se beneficiarán 21 concellos. As deputadas ven nestas concesións unha dobre discriminación. A provincia de Lugo é a que menos obradoiros acollerá, a que menos fondos recibe e a que menos alumnos poderá formar. Lara Méndez foi moi dura co reparto de obradoiros e considera que “os datos demostran que de novo a Xunta do PP considera ós lucenses cidadáns de segunda”.

Pero ademais da discriminación á provincia, as deputadas consideran que se deu nas concesións prioridade ós concellos do Partido Popular, xa que máis do 90% dos beneficiarios son desta cor política. Dende a Deputación insisten en que esta situación repítese ano tras ano o que demostra que a Xunta emprega estes obradoiros como arma política e sen pensar no beneficio común dos cidadáns.

A Deputación considera inadmisible esta situación, pola que pide explicacións inmediatas á Consellería de Traballo para que especifique os criterios que seguiu na distribución dos obradoiros. Recordan dende a entidade provincial que a Xunta é a única que ten competencias en materia de emprego e que tamén nesta convocatoria rexeitou o obradoiro que solicitou a Deputación.

Criterios non axeitados
Pilar García Porto destacou que os criterios que manexou a Consellería de Traballo non son os axeitados para a provincia de Lugo. Entre eles, se establece como requisito indispensable que os concellos beneficiarios teñan unha media de 500 desempregados durante o ano 2012. Poucos concellos da provincia poden cumprir este aspecto. Das grandes poboacións da provincia, só Sarria e Vilalba, gobernadas polo Partido Popular, contarán con obradoiro mentres que Ribadeo e Monforte, quedan excluídos ano tras ano.

A Deputación pide que a Xunta estableza criterios realistas como valorar que o 5% da poboación do concello estea no paro.

Outro requisito das bases di que primará os proxectos conxuntos de concellos limítrofes, aspecto que denuncian desde a Deputación non se tivo en conta no caso do proxecto presentado polos concellos socialistas de Becerreá, Navia e Cervantes, pero si para conceder obradoiros a outros concellos do Partido Popular. Ademais, denuncian as Deputadas, os concellos do Partido Popular agrúpanse entre eles discriminando e impedindo a participación dos municipios doutras cores políticas, tal é o caso de Monterroso.

Máis requisitos que non se cumpren
Outro requisito para acadar un obradoiro de emprego é non ter acollido ningún nos últimos catro anos. Os datos oficiais da Xunta revelan que sen embargo repiten como beneficiarios concellos populares como Sober, Burela, Ourol, Abadín, Vilalba, Guitiriz, Begonte, Xermade, Cervo, Xove ou Saviñao, que volven ter un obradoiro a pesar de telo nos últimos catro anos.

Chama a atención o caso de Sober, que recibiu no 2010 un total de 530.000 euros mentres que outros concellos como Monforte ou Ribadeo, do BNG, volven ser marxinados ano tras ano.

Dende a Deputación poñen o acento noutros requisitos que non se cumpren. Un deles son ás cifras de inserción laboral dos anteriores obradoiros. A Xunta afirmou que o 60% dos alumnos destes obradoiros atopan traballo nos 6 meses posteriores de recibir os cursos. Aspecto que non concorda con que concellos como Sober acollan obradoiros ano tras ano.

Pero un dos aspectos máis ilustrativos é que non se tivo en conta o número de parados de cada concello, xa que senón Monforte e Ribadeo si deberían contar co seu obradoiro.

Para a Deputación medidas como os obradoiros de emprego son moi necesarias nunha provincia que precisa de iniciativas que axuden a fixar poboación, polo que é gravísima esta discriminación cun asunto de vital importancia como é atopar traballo e solicitan da Xunta unha rectificación.

Consideran dende a Deputación que esta decisión empeora a situación de crise económica e desemprego que están a sufrir os lucenses que teñen que loitar contra esta discriminación da Xunta que lles retira oportunidades de emprego por non ser do partido Popular.