Deputación de Lugo

A Deputación investiu na Terra Chá e Ulloa preto de medio millón de euros en melloras para o medio rural

Imaxe deputación de lugo
No último ano acometéronse 53 actuacións con cargo ó plan de comunidades veciñais que puxo en marcha a DeputaciónOs cartos serviron apra facer obras diversas que van dende o acondicionamento de lugares públicos ata a dotación de locais sociaisEn toda a provincia a Deputación financia 233 obras cun orzamento total de 2 millóns de euros

O Plan de Comunidades Veciñais da Deputación serviu neste ano para acometer na Terra Chá e Ulloa 53 actuacións nas que se investiron un total de 489.755,09 euros. Unhas actuacións moi diversas que foron financiadas o 100 % pola entidade provincial.

As obras realizadas son moi variadas, todas buscan o beneficio e a mellora dos servizos para os veciños e comprenden dende o acondicionamento de camiños ata a mellora na traída da auga nalgún núcleo poboacional, pasando pola colocación de infraestruturas de uso veciñal.

A Deputación impulsa este plan que pretende dotar de infraestruturas e os servizos básicos dos núcleos rurais, tratando deste xeito de frear o despoboamento e mellorar a calidade de vida dos veciños. Por este motivo con cargo a este plan se realizaron obras en todos os concellos da comarca de tipo moi diverso e comprenderon actuacións de melloras de locais sociais, dotación de parques biosaudables, pavimentación de camiños e acondicionamento de traídas de auga.

A Deputación financia o 100% destas intervencións que deben solicitarse a través de asociacións ou particulares e que teñen como obxectivo desenvolver actuacións que redunden no beneficio dos veciños, subvencionando aquelas iniciativas que a área de cooperación e asistencia ós concellos considera de interese por mellorar ou ampliar servizos. Trátase de obras que dificilmente poderían ser acometidas por outras administracións e que a Deputación entende que dinamiza a convivencia e integración dos habitantes da provincia. Deste xeito, asociacións, particulares e Deputación traballan unidos por mellorar a calidade de vida dos veciños.

2 millóns de euros para o 2013
A Deputación ven de aprobar en Xunta de Goberno as accións que se incluirán no plan de Comunidades Veciñais para o ano 2013. Son un total de 243 obras que contarán cun orzamento de 2 millóns de euros. A institución provincial mantén a contia das axudas a pesar da crise económica porque considera que a situación económica non debe repercutir no benestar dos veciños.