Deputación de Lugo

A Deputación aforra máis de 200.000 euros ás 150 empresas lucenses sumadas ó Reacciona coas Tics

Son autónomos e PEMES de toda a provincia que se inscribiron neste programa para mellorar o seu posicionamento no mercado a través das novas tecnoloxías A Deputada Pilar García Porto, presentou os resultados do estudo individualizado que pon de manifesto as carencias das empresas lucenses Tras estudar as necesidades das empresas, nunha segunda fase, a institución instalará o software necesario e impartirá cursos de formación para os traballadores

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, presentou este martes os resultados de diagnose do programa Reacciona coas Tics. Trátase dun programa de asesoramento en novas tecnoloxías incluído no InnovaTE da Deputación, que é pioneiro en Galicia por inclúir o estudo individualizado das necesidades das empresas inscritas, a implantación das ferramentas informáticas oportunas e a formación precisa para mellorar o uso das TICs.

Pilar García Porto salientou que esta iniciativa, se financia con fondos europeos nun 80% e aforra uns 217.000 euros ás empresas acollidas ó plan, nunha clara aposta da institución provincial por apoiar as pequenas e medianas empresas e autónomos lucenses como entidades xeradoras de emprego e riqueza. A Deputada remarcou que o programa pretende que as PEMES e autónomos da provincia aproveiten as grandes posibilidades que as novas tecnoloxías supoñen para potenciar o seu negocio, ser más competitivas, mellorar a produtividade, reducir custes e xerar emprego.

As empresas que se apuntaron a este programa contan xa cunha análise individualizada das súas necesidades, rematando así a primeira fase do programa. Na xornada deste martes déronse a coñecer os resultados destes estudos pormenorizados que apuntan as principais carencias detectadas nas empresas. Un 43% carece de web propia, o 78% non conta cunha web orientada ó comercio electrónico, o 76% non emprega sistemas avanzados de xestión de clientes, e un 43% das empresas non dispón de certificado dixital, ente outros aspectos.

Instalación de software e formación dos traballadores

Nunha segunda fase acometerase a instalación das ferramentas necesarias e a formación dos traballadores para tirarlle o máximo partido ás novas tecnoloxías. Nos vindeiros meses se acometerá a implantación de solucións informáticas nas propias empresas e celebraranse 18 obradoiros que complementen a formación dos participantes e aseguren o máximo rendemento destas novas ferramentas instaladas. Entre os talleres previstos, segundo as necesidades detectadas, se atopa a formación sobre marketing e redes sociais; o xeoposicionamento, o xeomarketing e os códigos QR; a fidelización de clientes con boletíns electrónicos de MailChimp; o aproveitamento da Web ou Blog empresarial; as opcións de Google Docs e outras ferramentas corporativas; e solucións varias para o almacenamento en nube, Dropbox, Google Drive.

Punset e o uso das TICs como exemplo

Como parte do programa e para animar con exemplos ás empresas que participan, a xornada incluíu tamén o testemuño dunha entidade que acadou o seu éxito grazas a aplicacións tecnolóxicas e que pretende servir de exemplo e inspiración para as firmas que participan no programa da Deputación. AMSLab é unha empresa lucense vinculada á biotecnoloxía que se dedica ó aseguramento da calidade, seguridade e cumprimento normativo dunha ampla gama de productos.

Non será o único testemuño que se escoite dentro desta iniciativa da Deputación, nunha terceira fase do programa celebraranse outras tres xornadas formativas sobre empresa e novas tecnoloxías nas que intervirán persoeiros de renome mundial: Eduard Punset, Emilio Duró e Fernando Trias de Bes.

Perfil das empresas participantes

En canto ó perfil das empresas participantes no proxecto da Deputación, o 82% ten menos de 10 empregados. Os sectores maioritarios son servizos cun 37,3% e Comercio cun 26%, seguidos por industria cun 13% e turismo un 8%. Complétanse as cifras co 6% de industria agroalimentaria e pesqueira, ou os 0,7% de arte e interiorismo, asesoría e transporte de mercadorías.

As empresas acollidas a este programa distribúense por toda provincia polo que a xornada de traballo de hoxe repetirase mañá en Monforte reunindo alí ás 33 empresas da zona Sur e en Viveiro pasado mañá, para a que están convocadas as empresas da zona norte, unhas 36. As xornadas desenvolveranse en horario de 17:00 a 20:00 horas.

O plan da Deputación, financiado nun 80% por fondos europeos, pretende mellorar a competitividade das empresas lucenses a través do uso das novas tecnoloxías, buscando novas oportunidades de negocio a través da factura electrónica, comercio electrónico, mellora do posicionamento web, publicidade e marketing a través da Rede, banca electrónica, ferramentas de contabilidade e xestión de clientes e antivirus. Todas as aplicacións que se instalarán nas empresas participantes son de software libre, polo que non terán que pagar nada para a súa utilización e mantemento unha vez rematado o programa.