Deputación de Lugo

O CENTRAD ensinará os segredos da elaboración da cerámica castrexa nun obradoiro práctico gratuíto

O curso que se celebrará o día 14 de setembro ofrece 30 prazas para os interesados en aprender a elaborar réplicas de cerámica castrexa galega coas técnicas orixinais da época Os interesados disporán de dúas quendas, de mañá e tarde, en horarios de 11:00 a 14:00 horas ou de 17:00 a 20:00 horas. Máis información e inscricións no teléfono 982 210 066

O Centro de Artesanía e Deseño ten programado, o sábado 14 de setembro, un obradoiro práctico no que os interesados na materia poderán aprender a elaborar réplicas de pezas de cerámica castrexa. Organizado coma parte da mostra que estes días ocupa o espazo expositivo da Capela de Santa María, A cerámica castrexa en Galicia, o obradoiro ofrecerá a 30 participantes a posibilidade de aprender cos especialistas da Fundación Terra Termarum Castrolandín as técnicas que eles mesmos empregaron nas súas investigacións para reconstruír moitas das pezas expostas.

Os investigadores desenvolveron para cada peza un complexo e minucioso proceso de elaboración: a partir dos fragmentos cerámicos atopados nos castros, realizaron debuxos arqueolóxicos das pezas para, a continuación, comprobar as pegadas decorativas e empregar a técnicas axeitadas para reproducilas. As 30 prazas dispoñibles están repartidas en dúas quendas, de mañá e tarde, en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas. O obradoiro é totalmente gratuíto e para participar só é necesario inscribirse poñéndose chamando ó teléfono 982 210 066.

Réplicas das pezas expostas na Capela

A cerámica castrexa en Galicia, que permanecerá aberta na Capela de Santa María ata o vindeiroo 29 de setembro, amosa un total de 61 réplicas de pezas procedentes de 24 xacementos castrexos, 4 deles da provincia de Lugo (Barán, Viladonga, Zoñán e Illa de Suances). Os visitantes poderán admirar reconstrucións nunca antes expostas do Castro de Viladonga.

A mostra percorre toda a a Idade de Ferro, estruturándose por etapas que van dende o século VIII a.C. ata o I d.C. As pezas están acompañadas por paneis informativos e fichas nas que se inclúen datos sobre o proceso de investigación e execución, a ferramenta empregada e o uso que se lles atribúe. Esta información complétase con explicacións de carácter máis técnico, coma o lugar de procedencia e depósito actual, descrición formal e decorativa, e bibliografía, así como fotografías da peza e do proceso de reprodución e o debuxo e reconstrución arqueolóxica.