Deputación de Lugo

A campaña de apoio á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade chega a Chantada camiño das 4.000 sinaturas

Pilar García Porto e Manuel Lorenzo recibiron ó autobús da campaña á súa chegada á Praza de Galicia da localidade onde permanecerá ata o vindeiro 1 de novembroTodos os desexen apoiar á candidatura poderán asinar no Libro oficial da Unesco de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas, atopando máis información e material promocional da campaña

A campaña de apoio á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade continúa acadando un claro apoio popular nas localidades que, polo momento, foi percorrendo o autobús rotulado encargado de levar o libro oficial de sinaturas da UNESCO. Veciños e visitantes de Lugo, Monforte de Lemos, Ribas de Sil, conseguiron que esta campaña, posta en marcha pola Deputación de Lugo o pasado 8 de outubro, vaia camiño de acadar as 4.000 sinaturas á súa chegada hoxe ó Concello de Chantada.

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, xunto ó rexedor chantandino, Manuel Lorenzo Varela, foron os encargados de recibir ó vehículo na Praza de Galicia da localidade, onde permanecerá ata o vindeiro día 1 de novembro.

García Porto quixo felicitar a todos os lucenses porque “están entendendo perfectamente que se trata dun obxectivo común, que nos beneficia a todos e co que temos que amosar un compromiso de traballo firme”

Datas, lugar e horarios

O autobús rotulado da campaña permanecerá dende hoxe e ata o vindeiro día 1 de novembro na Praza de Galicia, en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas, para que todos os que o desexen poidan asinar no libro oficial da UNESCO. Ademais de deixar a súa firma, as persoas que se acheguen poderán atopar máis información sobre as terras das Ribeira Sacra, así coma diverso material promocional da campaña da institucional provincial.