Deputación de Lugo

A Deputación mellora as dotacións de máis de 200 veciños de Santa Leocadia e Lousada con 12.000 euros do plan de axudas ó medio rural

Regina Polín supervisou hoxe dúas actuacións realizadas nos Concellos de Guitiriz e Xermade que a institución provincial financiou con 12.000 euros do plan de axudas ó medio ruralOs traballos consistiron no arranxo do muro nun camiño de Digañe polo que discurre a ruta xacobea e na habilitación dun depósito de auga para granxas e incendios en LousadaPreto do 50% das obras realizadas foron acondicionamento de vías de acceso ás zonas máis rurais e as canalizacións de auga, que supuxeron o 20% do total

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, supervisou hoxe as actuacións levadas a cabo para o arranxo dun muro e a construción dun depósito de auga para granxas e incendios, nos Concellos de Guitiriz e Xermade, respectivamente. Estes traballos realizáronse con cargo ás axudas de mellora no rural, dotadas con 300.000 euros, coas que a institución provincial impulsa o sector primario mellorando servizos e infraestruturas no rural.

Tal e como destacou Polín, “non se trata de facer obras grandes e vistosas, senón de aportar a nosa colaboración con actuacións básicas, por pequenas que sexan, que son fundamentais para que os veciños poidan manter unhas condicións de vida e de traballo que lles permitan vivir dignamente no rural. Esta debe ser a prioridade de calquera administración”. Estas axudas beneficiaron a preto de 60 colectivos, que recibiron axudas de ata 6.000 euros, e que puideron ser realizadas xa no 2012, ou ben a acometer ata o mes de xuño deste 2013.

Os comuneros de Santa Leocadia, do Concello de Guitiriz, foron os beneficiados dunha destas axudas, grazas á que puideron facer fronte ós custes de arranxo dun muro no barrio de Digañe, na parroquia de Santa Leocadia. Dotada con 6.000 euros, esta axuda permitiu ós veciños das máis dunha ducia de vivendas, que cederon parte dos seus terreos permitindo aumentar a anchura deste camiño. Deste xeito, contan finalmente cunha vía de comunicación mellorada, que incrementa a seguridade dos seus usuarios habituais e dos milleiros de peregrinos que a empregan ó longo do ano, posto que por ela discurre o Camiño de Santiago. Por outra banda, os propietarios de monte común de Lousada, no Concello de Xermade, tamén recibiron unha axuda de 6.000 euros para a construción dun depósito de auga, que dará servizo para o rego e outras necesidades básicas das explotacións veciñas, como para o seu uso en caso de emerxencia por lume polos preto de 200 veciños que residen na zona.

Impulso do sector primario

Con esta iniciativa do organismo provincial, os preto de 60 colectivos veciñais e de gandeiros beneficiados obtiveron financiamento para acondicionar vías, locais sociais, áreas recreativas, traídas de auga, fontes, cercados de pastizais, curros para o gando ou depósitos para a extinción de incendios. En moitas ocasións, os destinatarios non poden asumir por si mesmos estas obras, que aínda que de pequena entidade, teñen unha importancia vital para a calidade de vida e o traballo do rural, polo que foi fundamental a aportación do organismo lugués, que concedeu o 100% das contías solicitadas ata un máximo de 6.000 euros.

As actuacións subvencionadas puideron ser realizadas xa no 2012, ou ben a acometer ata o mes de xuño deste 2013. O preto do 50% das obras realizadas foron acondicionamento de vías de comunicación, que facilitan o acceso ás zonas máis rurais. As canalizacións de auga foron outras das obras máis realizadas, supoñendo preto do 20% do total.

Na pasada convocatoria estas axudas supuxeron a realización de 120 obras en núcleos rurais de 47 concellos, dando emprego a unha media de 300 persoas.