Deputación de Lugo

O xornalista Valentín Carrera presentou na Deputación de Lugo o seu último libro, Pescanova. Crimen perfecto

O Salón de Actos acolleu a presentación do primeiro traballo de investigación sobre este escándalo financeiro, que parte de documentación sumarial da Audiencia Nacional e o Mercantil de PontevedraMéndez destacou que este libro debería facer reflexionar sobre “erros que non se deben cometer nunca máis” para que casos como este “queden definitivamente relegados ó pasado”O autor fai un repaso pola historia da empresa dende o 2004 ata a actualidade, analizando episodios como a venta de accións de costas á CNMV ou os intentos de evasión de capitais

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, acompañada de Valentín Carrera, presentou, nun acto que tivo lugar este mércores no Salón de Actos de San Marcos, o último libro deste xornalista, Pescanova. Crimen perfecto, un traballo de investigación sobre o escándalo financeiro da empresa galega, de plena actualidade posto que a causa está sendo instruída na Audiencia Nacional o nos Xulgados do Mercantil de Pontevedra, de cuxos sumarios parte precisamente o autor.

Lara Méndez quixo destacar a valía como xornalista de Valentín Carrera, “un xornalista convencido, capaz de elevar a categoría do seu discurso para transcender á noticia e obrigarnos á reflexión”. Neste sentido, subliñou que o traballo desenvolvido por Carrera, “exemplo de rigor e meticulosidade”, debería levar ós seus lectores a “pensar sobre os erros que non se deben cometer nunca máis para que episodios tan lamentables como o que hoxe nos ocupa, tan de plena actualidade, queden definitivamente relegados ó pasado”

Pola súa banda, Valentín Carrera, agradeceu á Deputación de Lugo a disposición amosada para acoller a presentación, unha vez, máis dun dos seus traballos.

O autor

Valentín Carrera, licenciado en Filosofía e Doutor en Belas Artes, leva exercendo a profesión de xornalista dende os anos 70 en prensa escrita, televisión e radio, como corresponsal e colaborador en medios como TVE, La Voz de Galicia, La Región, La Vanguardia, El Correo Gallego, Faro de Vigo; Axencia EFE; Radio Galega ou Galicia Confidencial, que acreditan sobradamente o seu prestixio e destacada traxectoria. Autor de libros de ensaio, viaxes e ficción, que lle valeron ser mercedor de galardóns como o Premio Blanco Amor de Novela; o Premio Galicia de Comunicación, ou o Premio Francisco Cossío de Periodismo, Valentín Carrera ten dirixido, así mesmo, máis de oitenta documentais e series de televisión.

É tamén autor de ensaios xornalísticos como Municipales 2011 en Galicia: una radiografía periodística e As Eleccións Xerais do 20N na rede, que precisamente se presentou en setembro do 2012 na Deputación de Lugo.

A obra

Pescanova. Un crimen perfecto é o primeiro traballo de investigación sobre o caso Pescanova, de plena actualidade, posto que os seus principais actores comparecen estes días coma imputados na Audiencia Nacional. Carrera analiza o percorrido da empresa dende o 2004 ata a actualidade, relatando as súas orixes familiares, así como as relacións dos propietarios co Partido Popular, a Xunta de Galicia ou Caixa Galicia.

O autor analiza outros episodios como a venta de accións de costas á CNMV ou os intentos de evasión de capitais cara ó estranxeiro por parte dos seus responsables, ós que Carrera se refire coma autores dunha “estafa piramidal de 3.650 millones fruto de las prácticas ilegales de Manuel Fernández de Sousa y su núcleo duro durante una década”. Este volume pretende desmontar outras “mentiras” oficiais de Pescanova, explicando como unha empresa que oficialmente parecía unha gran multinacional era, en realidade, “un modelo perfecto de corrupción que será estudado no futuro nas escolas de negocios de todo o mundo”