Deputación de Lugo

Gómez Besteiro anuncia no Parlamento un plan de emprego de 5 millóns para a provincia de Lugo e o endebedamento cero no 2016

Emprego, servizos públicos e cooperación cos Concellos, prioridades do Orzamento provincial para 2014, que, con 89,4 millóns, “ratifica que é posible gobernar mellor desde a esquerda”, afirmou o PresidenteBesteiro avanzou un plan pioneiro entre as Deputacións españolas para incentivar o asentamento empresarial: “Ofreceremos financiarlles nos nosos polígonos o custe da parcela máis a construción das súas instalacións”A Deputación lucense será a 1ª de España en presentar no ano 2015 os seus presupostos participativos

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou este venres no Parlamento de Galicia que o Orzamento 2014 da institución contemplará 5 millóns de euros para impulsar un novo plan de emprego na provincia. Este investimento reforzará as 6 liñas de inserción laboral que xa ten en marcha o organismo lugués, e que seguirá executando o vindeiro ano, dotadas con 10,7 millóns e con case 2.200 beneficiarios directos. Gómez Besteiro avanzou así mesmo na Cámara galega que a Deputación de Lugo, a entidade provincial que conta cunha menor débeda viva en Galicia e a 5ª de toda España segundo o Ministerio de Facenda, acadará o endebedamento cero no ano 2016. “Pasaremos dos 122 millóns de euros que nos deixou o anterior Goberno provincial, a cero, mantendo ó mesmo tempo os investimentos”, subliñou.

O Orzamento 2014 acadará os 89,4 millóns de euros, manténdose no mesmo nivel que en 2013, e será aprobado este ano no Pleno para que entre en vigor o 1 de xaneiro. Emprego, servizos públicos e cooperación cos Concellos son as prioridades duns presupostos “que consolidan a viabilidade e solvencia dunha alternativa política progresista”, explicou o mandatario provincial. “Ratifican que é posible gobernar mellor desde a esquerda, porque fomos e somos quen de manter o investimento, pero ó mesmo tempo, axustar o gasto e baixar a débeda”, engadiu.

Á cabeza en investimentos

A Deputación de Lugo “está á cabeza das deputacións galegas, e moi por riba da Xunta, en canto a porcentaxe do orzamento para investimentos”, afirmou Gómez Besteiro, que, como mostra, puxo o exercicio 2013, “no que destinamos un 28% do orzamento a estes capítulos, un nivel que só acada Pontevedra, e que dista moito do 16,3% da Xunta”.

En canto ó 2014, o dirixente provincial avanzou que o organismo provincial manterá o volume de inversións e transferencias correntes, priorizando tres liñas de actuación: a creación de emprego e actividade económica; o compromiso co público e a cooperación cos Concellos.

5 millóns máis para emprego

En canto a emprego, Gómez Besteiro anunciou que, fronte “a falta de resposta política da Xunta, que leva recortado 238 millóns de euros dende 2009 os fondos para políticas activas de emprego e ata un 74% o investimento por galego desempregado”, a Deputación de Lugo “atende o principal problema da provincia e do país: o paro”. Deste xeito, avanzou que en 2014 reforzará os investimentos neste eido cun novo plan de emprego de 5 millóns, que se suma ás 6 liñas de inserción que ten en marcha e que seguirá executando o próximo ano.

Trátase dos seguintes proxectos: o Pacto Provincial polo Emprego, un programa europeo con 4,1 millóns de euros de financiamento; un plan en colaboración coa prestixiosa Escola de Organización Industrial (EOI) de 3 millóns; un plan municipal de emprego de 2 millóns para Concellos de menos de 5.000 habitantes; o programa Fórmate en Verde, que promove a creación de empresas no sector agropecuario e conta con 1 millón de euros; bolsas Leonardo da Vinci para 70 mozos por 300.000 euros e a achega de 350.000 euros para financiar os Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES).

2,2 millóns para Servizos Sociais

O Goberno provincial reafirma o seu compromiso cos Servizos Sociais mantendo unha partida económica de 2,2 millóns de euros no 2014. Neste senso, o Presidente destacou que o esforzo da Deputación “é aínda máis significativo, tendo en conta que a Xunta decidiu, de un día para outro, impoñernos a obriga de financialos nos Concellos de menos de 20.000 habitantes, pero sen transferirnos nin un só euro de recursos”.

“Cando falamos de servizos sociais, estamos a falar de persoas, polo que esta materia tan sensible esixe máis seriedade, planificación e coordinación”, advertiu Besteiro, engadindo que a institución luguesa ten “vontade de diálogo e consenso, iso si, sobre a base dunha relación de igual a igual entre administracións, sen submisións”. “Noutros moitos eidos, como a xestión de emerxencias ou a transferencia dos hospitais, chegamos a acordos coa Xunta. E confío en que nos Servizos Sociais tamén o poidamos lograr”, engadiu.

Avanza a rede pública de residencias e centros de día

En 2014, e a pesar “da falta de apoio da Xunta a un proxecto vital para o benestar dos nosos maiores, que supón ademais unha importante fonte de emprego”, a Deputación seguirá adiante coa rede provincial de residencias e centros de día públicos para a terceira idade, que constrúe en colaboración con concellos lucenses de todas as cores políticas e para a que conta cunha dotación propia de 15 millóns de euros. Tal e como explicou o Presidente, están en marcha as obras das residencias da Fonsagrada, Castroverde, Trabada e Pedrafita, e proximamente comezarán as de Pol, Navia de Suarna e Ribas de Sil.

Rematan as obras do 1º centro público de recría en España

O organismo lugués rematará o vindeiro ano cun investimento de 4,5 millóns de euros as obras do primeiro centro público de recría de gando vacún de España. “Custounos 12 millóns de fondos propios porque tampouco contamos co apoio da Xunta, nin financeiro, nin de ningún tipo, ata rexeitou a nosa invitación para coñecer o proxecto, a pesar de ser unha obra consensuada e moi demandada polo sector”, lembrou Besteiro: “Sen embargo, outros proxectos agrogandeiros, como Alimentos Lácteos, a crónica dun fracaso anunciado, levou 9 millóns de euros da Xunta”.

Un plan empresarial pioneiro

Ademais de ofrecer uns prezos económicos e competitivos nos 7 polígonos industriais construídos e xestionados pola Sociedade Urbanística Provincial –SUPLUSA-, “agora damos un paso máis e por diante”, recalcou o Presidente, referíndose a un plan pioneiro entre as deputacións españolas para incentivar o asentamento empresarial: “Ofrecerémoslles ós empresarios a posibilidade de financiarlles, nun mesmo paquete, o custe da parcela máis a construción das súas instalacións”, indicou.

Pola educación pública

Gómez Besteiro ratificou o compromiso da entidade provincial cunha “educación pública, gratuíta, de calidade e que garanta a igualdade de oportunidades”. Adiantou que en 2014 destinarase 3,2 millóns á Fundación TIC, que sostén a única Escola de Imaxe e Son de Lugo, que ademais é pública. Dende a chegada do Goberno progresista á Deputación, a matrícula é gratuíta, excepto para os repetidores, nun centro que segue o temario oficial da Xunta, ten lista de espera dende hai 5 anos, canto antes sobraban prazas, conta con prestixio no audiovisual galego e está financiada ó 100% pola Deputación. “Tampouco nest caso temos o apoio da Xunta”, dixo o Presidente.

Cooperación cos Concellos

Xunto ó emprego e o compromiso co público, a terceira liña de actuación prioritaria da Deputación de Lugo e a cooperación cos Concellos, “que reforzamos máis, se cabe, nestes tempos nos que os pequenos concellos se ven asfixiados”, subliñou Besteiro. Por iso, “non só investimos nos Concellos, senón que lles axudamos a aforrar custes”, engadiu, poñendo como mostra o servizo de Cooperación, “que non existía ata que nós entramos no Goberno”, e que atende unha media de 2.400 consultas ó ano dos 67 municipios da provincia; así como plans para o aforro na factura eléctrica e enerxética, a implantación da Administración Electrónica e do goberno aberto, ou na liquidez co Sistema de Recadación Provincial.
A Deputación executará en 2014 un plan de emprego para Concellos de menos de 5.000 habitantes e garante a execución de dous plans de obras municipais: o Plan de Obras e Servizos (POS), que mantén con 3 millóns de euros, a pesar de que “o Goberno central segue desaparecido”, e o Plan de Comunidades Veciñais, ó que destinará 2 millóns para obras e servizos no rural.

Coopera tamén en materia de emerxencias achegando 2,2 millóns ó Consorcio Provincial de Bombeiros, do que forman parte 6 parques, así como no eido da cultura e o deporte, mantendo 5,6 millóns de euros de investimento para os Concellos e o tecido asociativo.

A Deputación axusta o gasto

Ó mesmo tempo, a Deputación axusta o gasto e baixa a débeda. Deste xeito, o mandatario provincial destacou que a Deputación leva rebaixado 11 millóns de euros en persoal nos últimos cinco anos, e para 2014 reducirá de novo este capítulo noutro medio millón de euros, quedando a partida en 24,5 millóns. Deste xeito, é a entidade provincial galega que máis reduciu en persoal. “Racionalizamos o gasto, pero sen recortar dereitos, nin eliminar servizos”, a través de medidas como a reestruturación do cadro de persoal; eliminando fundacións de “dubidosa legalidade”, como a de Tor; simplificando a estrutura organizativa coa desaparición do INLUDES e transferindo competencias impropias, como a xestión dos hospitais.

Baixou tamén o capítulo de Gastos Correntes: 4,6 millóns de euros dende 2009, converténdose, xunto coa Coruña, na Deputación de Galicia que dedicou en 2013 unha menor porcentaxe do seu orzamento a este capítulo, con un 16,7%, fronte ó 19% de Pontevedra -que disparou este gasto en 11,5 millóns- e o 23% de Ourense. Destaca tamén fronte á Xunta, pois, mentres que a institución luguesa reduciu un 23,4% os Gastos Correntes dende o 2009, a “baixada da Administración galega, a pesar do que presumiu, limitouse a un 1,6%”, sinalou o Presidente.

Baixa a débeda

Dende que chegou á institución luguesa, no ano 2007, o Goberno progresista da Deputación leva amortizados 52,2 millóns de euros de débeda, e o vindeiro ano prevé reducir como mínimo outros 7,1 millóns máis”. Ademais, paga cada vez menos polos intereses, e en 2014, por terceiro exercicio consecutivo, non recorrerá a operacións de crédito, é dicir, “somos capaces de financiar con recursos ordinarios os gastos corrente e investimentos, sen solicitar préstamos”, apuntou Besteiro. Estas condicións permitirán que acade o endebedamento cero no ano 2016, “pero mantendo ó mesmo tempo os investimentos”, recalcou.
Esta situación contrasta coa da Xunta, que, segundo argumentou o mandatario provincial, “disparou o endebedamento nos últimos 5 anos, chegando a duplicalo. A Xunta xa ten máis débeda que presuposto: No 2014 conta con 8.391 millóns de Orzamento e unha previsión de 10.000 millóns de débeda”. “Hoxe, cada galego adebeda 3.400 euros pola xestión da actual Xunta. Antes deste goberno era a metade”, indicou o Presidente, quen, neste senso, defendeu “un endebedamento polo interese xeral. Pero a Xunta endebédase para non investir, nin en benestar social, nin no emprego, nin en ningún sector estratéxico do país”.

Orzamentos participativos

Co fin de avanzar no proceso de modernización, transparencia e racionalidade da institución iniciado hai 6 anos, a Deputación lucense, segundo avanzou o Presidente, será a 1ª de España en presentar no ano 2015 os seus presupostos participativos.

En defensa do municipalismo

Na súa comparecencia no Parlamento, o Presidente reivindicou, por outra banda, “a cooperación institucional para as relacións que se manteñen co municipalismo, no lugar dos ataques sen precedentes doutras administracións”, como o que supón a Reforma Local, que “culmina a degradación da autonomía local a un mero asunto de recortes”.

“A desolación política e xurídica provocada pola tramitación desta reforma xorde como contraste ó curso que debería ter: un pacto de Estado, de carácter constituínte, que dignificase o goberno local para que, definitivamente, gañe a condición dun nivel de goberno e deixe de ser, neste caso, obxecto de recorte orzamentario”, asegurou Besteiro. “É inaprazable reestruturar desde o consenso a política municipal para reforzar a lexitimidade dos Concellos e acrecentar a confianza dos galegos nas súas institucións máis próximas”.