Deputación de Lugo

A Deputación impulsa o traballo das mulleres empresarias lucenses cunha feira na praza de San Marcos

Lara Méndez, Pilar García Porto e Regina Polín, participaron na inauguración da Feira LUGHNASADH que reúne 25 negocios da Asociación de Empresarias de Lugo A cita, coa que colabora a institución provincial, inclúe animación de rúa, mostra, degustación e venta ó público de xoiería, comida, roupa e complementos, entre outrosA Feira, que é gratuíta, permanecerá aberta dende este venres ata o domingo en horario de 11 da mañá a 11 da noite coincidindo coas festas do San Froilán

A Deputación colabora coa Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo que organiza para esta fin de semana unha feira multisectorial na praza de San Marcos. Son un total de 25 expositores de negocios moi diferentes que ofrecen degustación, mostra e venta dos seus produtos.

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez; a Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto; e a Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, participaron nos actos de inauguración da feira e visitaron os expositores para amosar o apoio da institución provincial a iniciativas que impulsan a economía lucense. Lara Méndez quixo destacar o traballo da Asociación de Mulleres Empresarias na Provincia de Lugo que cumpre 25 anos dende a súa creación e que conta con 98 empresas asociadas. A Vicepresidenta Segunda agradeceu a loita das súas socias na reivindicación para a muller un papel activo na sociedade e puxo a asociación como exemplo de emprendemento e traballo en equipo. “Son un exemplo polo seu esforzo e dedicación”, aseverou.

As deputadas tamén quixeron coa súa visita, realizar un recoñecemento á labor da Asociación de Empresarias Lucenses e ás mulleres traballadoras en xeral. A institución provincial impulsa coa súa colaboración a posta en valor do traballo das mulleres empresarias da provincia, que teñen unha importante oportunidade de darse a coñecer nesta cita.

Os postos estarán abertos en horario de 11 da mañá a 11 da noite e contará con animación para cativos, degustacións gratuítas e mostras dos produtos que se comercializan. Entre os negocios que participan hai postos de artesanía, gastronomía, novas tecnoloxías, moda para adultos e nenos, e complementos, entre outros.

Con esta cita a Asociación celebra o seu 25 aniversario. A feira, que nace con vocación de continuidade, ten por obxectivo fomentar o comercio lucense e o turismo, destacar a posición da muller e impulsar o empresariado feminino. A feira serve tamén para potenciar a colaboración entre as pequenas empresas representadas por mulleres e aproveita a afluencia de visitantes á cidade polas festas do San Froilán.